Isabel G. Couso - 09:30 20/11/2009
"En caso de erro tipográfico ou de transcrición entre o texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica". Así rezan as instrucións de cumprimento do exame ao corpo de enfermaría celebrado esta última fin de semana no recinto feiral de Silleda.
Aínda máis, o texto prosegue: "Así mesmo, algúns termos técnicos, neoloxismos ou outras expresións de difícil correspondencia na tradución, poderán expresarse de maneira unívoca entre comiñas". Consideracións deste tipo aparecen ao carón doutras directrices como a de que a cruz que marque a resposta correcta non debe sobresaír os límites de cada cadro ou a de que non se poden empregar calculadoras na proba.
Dende o cambio de Goberno"É un exemplo máis do desprezo que esta Administración ten polo galego", responde a Vieiros Manuel Gallardo, da
CIG-Administración Pública. O feito en si non conta con precedentes, mais vense repetindo en todas as probas desta área dende que mudou o Goberno, segundo nos conta a secretaria xeral de
CIG-Saúde, María Xosé Abuín. "Xa o denunciamos verbalmente e agora emprenderemos outro tipo de accións", adianta ao tempo que nos explica que "o exame redactado en galego contén tantas grallas que optaron por darlle prioridade ao español: non tiveron nin a mínima sensibilidade, por dicir algo, de redactar un correcto exame na nosa lingua". Con todo, subliña que, "se ben este Goberno é máis regresivo en cuestións lingüísticas, nunha houbo un interese en potenciar a nosa lingua no ámbito sanitario".
Especial fincapé fai nas palabras máis técnicas: "é certo que aínda non estamos afeitos a escoitar moitos termos médicos en galego, mais nalgúns casos non demostran nin a mínima preocupación como para traducilos", asegura Abuín. A prioridade do español sobre o galego nestas probas ven a sumarse á
última polémica sobre o destacábel número de erros que contiñan outros exames de oposicións da Xunta na súa versión galega (tamén denunciado por Vieiros). "A administración ten a obriga de garantir a competencia lingüística dos seus empregados tanto en galego como en castelán", subliña Gallardo, "nós reclamamos que, como mínimo, os dous idiomas sexan tratados en pé de igualdade e isto non é máis que outro novo atentado sobre a lingua".