Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA AS MOBILIZACIÓNS DO 24

A Xunta intenta desactivar a folga do Consorcio marcando uns servizos mínimos próximos ao 50%

A CIG presenta un recurso para que os tribunais boten abaixo a proposta. Mentres, continúan os preparativos para a primeiro gran paro de servizos sociais.

Redacción - 16:20 19/11/2009

O Goberno traballa arreo para intentar minimizar a primeira gran folga dos servizos de Igualdade e Benestar convocada para o vindeiro martes día 24 de novembro. Segundo a CIG, sindicato maioritario no Consorcio, o xerente deste organismo, Roberto Rodríguez, propón uns servizos mínimos para ese día que afectaría a perto do 50% dos máis de 1.200 traballadores chamados ao paro. Dende a organización sindical mostraron a súa sorpresa por unha proposta que consideran “abusiva e ilegal” e afirmaron que: “Non deixa de ser paradoxal que a Consellaría de Traballo, en lugar de respectar os dereitos, pretenda botar abaixo a folga por vía ilegal e prevaricativa”. Para os representantes dos traballadores non hai dúbida de que, conscientes de que o paro vai ser masivo, o Goberno pretende poñer todas as trabas posíbeis. Por iso anuncian un recurso xudicial urxente.

A primeira gran folga á que se enfronta o executivo Feijoo en materia de servizos sociais, ten lugar logo de que o Consorcio anunciase que despedirá a final de ano a 61 traballadoras de oficinas comarcais de I+B. A Xunta elimina así os programas de Igualdade, Familia e Infancia que atenden a máis de 90 municipios rurais galegos. Mais ao paro está previsto que se sumen os traballadores de garderías públicas, centros de día e servizos sociais. Demandan o mantemento dos postos de traballo e o cumprimento do convenio.

Apoio de concellos e asociacións

Mentres os traballadores aumentan a presión na rúa, diferentes municipios de todo o país están a aprobar mocións en defensa do mantemento das oficinas comarcais de I+B. A esta petición tamén se están a sumar múltiples asociacións veciñais e, particularmente de mulleres, que consideran que a abolición de servizos no rural é un paso atrás para o acceso de toda a poboación aos mesmos.

Logo de anunciar os despedimentos hai dúas semanas, a Xunta garda silencio sobre como vai desensarillar o problema que aparece coa supresión de oficinas: Como prestarlle servizos a veciños que viven en concellos que non teñen capacidade para ter recursos de seu?


4,92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: