Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Actividades no Morrazo

Charla Audiovisual ''A Rede Natura no Morrazo'', roteiro por Cabo Udra

Dentro das actividades de divulgación do patrimonio natural do Morrazo que estamos a organizar Luita Verde e a Federación Ecoloxista Galega e que contan coa colaboración económica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, esta semana está programado:

Luita Verde - 20:44 18/11/2009

Venres 20 de novembro ás 20:00 h. no salón de actos do Centro Social de Bueu
Impartida polo membro do Colectivo Ecoloxista Luita Verde Francisco Xosé Bernárdez Solla


En Galicia hai máis de 50 espazos naturais que están integrados como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da Rede Natura 2000, unha rede de espazos a nivel europeo que se rixe pola Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, tamén coñecida como “Directiva Hábitats”, e pola Directiva Aves (79/409 CEE).

No Morrazo existen tres LIC, Costa da Vela, Cabo Udra e Enseada de San Simón, que ó igual que o resto dos espazos galegos e dentro da denominada rexión bioxeográfica atlántica, foron aprobados o 7 de decembro de 2004 por decisión da Comisión Europea.

Despóis desta aprobación hai 6 anos para regulalos a traveso da súa ordenación, zonificación e usos e pasar a ser Zona de Especial Conservación (ZEC). Na actualidade ningún dos tres espazos do Morrazo, como a maioría dos galegos, está debidamente regulado e isto está provocar dificultades de aplicación real da proteción e conservación.

Galicia, con menos do 13% do seu territorio dentro da Rede Natura, é deficitaria en espazos protexidos e a lista necesita ser ampliada, feito que contempla e esixe a propia UE.

Ademáis de ser un instrumento para a conservación do medio natural, a Rede Natura 2000 pode aportar vantaxes económicas e sociais significativas, facilitando e potenciando aquelas actividades que, sendo compatíbeis coa conservación da natureza, contribúen á mellora da calidade de vida e do benestar social.

A charla será acompañada dun powerpoint onde se informará por miudo que é a Rede Natura, os espazos naturais que a compoñen, o seu regulamento, como debería estar implantada e como está na actualidade.
                                                       
ROTEIRO DE CABO UDRA
Domingo 22 de novembro con saída ás 11:00 h. do aparcamento de Cabo Udra (Bueu)
Duración 3 horas con chegada no mesmo lugar da saída

Cabo Udra é un espazo natural litoral incluído como LIC dentro da Rede Natura 2000, que abrangue 623,26 has., 8 kilómetros de costa de areeiros, chairas, pequenos promontorios e cantís entre a praia de Mourisca (Bueu) e a de Menduíña (Cangas), e das que 443 has. son de augas mariñas.

En terra ten unha grande importancia a nivel xeolóxico e paisaxístico, coa formación dos denominados “bolos graníticos”. Tamén polos pasteiros e a matogueira, con asociacións de vexetación das costas atlánticas mesturada coa oromediterránea, moitas delas de interese comunitario e algúns endemismos da costa galaico-portuguesa. Pola fauna, tanto vertebrada como invertebrada, que habita principalmente nas matogueiras e en espazos abertos. Nos rochedais máis á beira do mar medran varias especies de liques costeiros.

Tamén ten importancia a nivel mariño, por ser lugar de paso migratorio e de invernada de aves e por ser hábitat de cetáceos mariños, con especies ameazadas e tamén de interese comunitario.

En fronte están as Illas Ons, integradas dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas e polo extremo Sur albíscase a Costa da Vela, outro dos LIC do Morrazo, trala ría de Aldán.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: