Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Turismo 2.0

Mondariz Balneario introduce unhas innovadoras audioguías con GPS

As ferramentas están pensadas para navegadores con MP3, aínda que tamén se poden usar por separado e descargárense de balde dende a web.

Redacción - 12:30 07/11/2009

O Concello de Mondariz Balneario estrea este mes de novembro un sistema de información turística a través de audioguías que, como novidade no Estado Español, están dotadas ademais de datos GPS. Así, o turista non só pode descargar e escoitar en calquera reprodutor de son as indicacións en formato MP3, senón que tamén están dispoñíbeis para navegadores GPS.

Segundo o concello, trátase do primeiro executivo neste contexto en empregar a nova tecnoloxía, que empregan os navegadores Garmin. As persoas que visiten Mondariz Balneario poderán cargar no seu navegador a ruta xeoreferenciada con imaxes e audio dos lugares que van visitar, e o aparato encargarase de facer as funcións de guía turístico.

En calquera caso, as rutas son descargábeis como un arquivo GPX compatíbel cos principais navegadores. Tamén se poderán previsualizar en Google Earth e en Google Maps a través da web municipal. As guías en formato MP3 pódense tamén descargar da web do concello. A diferenza de moitas outras audioguías, o goberno local fixo moita énfase na calidade da locución, que foi realizada por locutores profesionais en estudos de gravación, e non mediante sistemas automáticos de produción de voz.

Os contidos están dispoñíbeis en galego, inglés e castelán. Ademais, os visitantes dispoñerán dun computador na casa do concello no que poden descargar as audioguías. O proxecto estivo financiado pola Xunta de Galicia, polo Ministerio de Industria a través do Plan Avanza e mais polo Fondo de desenvolvemento rexional (FEDER).


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: