A próxima fin de semana a vila de Mondariz Balneario acollerá as primeiras actividades das XV Xeiras Micolóxicas do Condado que organiza a asociación. Dende hai quince anos Adenco leva descubrindo o mundo dos cogumelos á sociedade do Condado. Cada ano centos de persoas acoden ás actividades que se organizan sobre o descoñecido mundo das setas.
Desterrar a micofobia do Condado foi un dos propósitos da asociación cando se comezaron a realizar estas actividades. Hoxe as Xeiras consolidáronse como actividade inexcusable na programación do Grupo Ecoloxista Adenco. Sobre os cogumelos xiran as charlas, as saídas ao monte, os xogos e obradoiros para nenos e a exposición.
A programación das XV Xeiras Micolóxicas en Mondariz Balneario é a seguinte:
Venres 22, ás 20:30h no Salón de Actos do Concello:
Charla: "Micoloxía e Medio Ambiente" a cargo de F. Fernández Magán.
Sábado 23, ás 10:30 dende a Casa do Concello saída organizada a recoller cogumelos.
Domingo 24 dende ás 11:00h nos soportais do Concello exposición de cogumelos, obradoiros e xogos para nenos e concurso de debuxo infantil.
A charla correrá a cargo do investigador do Centro de Investigacións Agrarias e Forestais de Lourizán F. Fernández Ana-Magán que disertará sobre a relación dos cogumelos co Medio Ambiente. Autor de varias monografías, artigos e libros, este experto nos cogumelos galegos dará comezo ás Xeiras. O monocultivo de especies forestais e a utilización de productos químicos no campo contribúe negativamente sobre as poboacións de cogumelos.
Na saída ao monte daranse as nocións básicas para apañar cogumelos coas debidas precaucións e tratarase de identificar as principais especies, sobre todo o grupo das comestibles.
O domingo exporanse os exemplares clasificados dos cogumelos recollidos o día anterior. Haberá asimesmo actividades para nenos e un concurso de debuxo infantil sobre setas.
As actividades en Mondariz Balneario son as primeiras das XV Xeiras Micolóxicas que organiza Adenco e que continuarán con actividades nas parroquias ponteareáns de Angoares e Xinzo.