O goberno español insiste en que ten localizados a todos os reféns e que lle consta que “están ben”.
O executivo de Rodríguez Zapatero non descarta unha intervención militar para acabar co secuestro que sofren dende hai máis dun mes os mariñeiros do atuneiro vasco “Alakrana”. O secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez, afirmou este mesmo venres que o dispositivo militar que se atopa na zona ten “todas as súas operacións calculadas por se fose preciso chegar a utilizalas”. Porén, Méndez salientou que a principal vía segue a ser a negociación.
Con respecto aos tres mariñeiros que se atopan en terra, dous deles galegos, e que os secuestradores ameazan con matar antes do mediodía do domingo, Defensa continúa asegurando que ten datos de que se atopan ben e que están localizados polos servizos de intelixencia.
Mentres a desesperación das familias dos 36 tripulantes do “Alakrana” é máxima xa que cren que os piratas poden facer efectivas as súas ameazas, o goberno español mantense firme na decisión de non negociar cos secuestradores, que exixen a liberación de dous compañeiros encarcerados no Estado Español.