O goberno colombiano deu a coñecer o acordo asinado con EUA, no que autoriza ás tropas estadounidenses a operar por dez anos en sete bases militares.
Os militares estadounidenses terán autorización para ocupar as bases militares colombianas nos vindeiros dez anos
"Os militares de Estados Unidos e as persoas a cargo que veñan a Colombia estarán amparados polo status de impunidade diplomática". Así reza o polémico "Acordo complementario para a Cooperación e Asistencia Técnica en Defensa e Seguridade" asinado entre Colombia e Estados Unidos. Os termos deste convenio, que no texto se basea na loita contra o terrorismo e o narcotráfico, deunos a coñecer este mércores o Ministerio de Relacións Exteriores colombiano.
Con todo, e logo da polémica xerada por este punto, o goberno daquel país insistiu en que esta inmunidade "poderá ser levantada polas autoridades pertinentes dos Estados Unidos en atención dunha solicitude das autoridades colombianas", e estipula que esa situación se podería dar para a investigación de "supostos crimes cometidos no territorio colombiano".
Os estadounidenses terán acceso e uso das bases militares das áreas de Palanquero (centro), Malabo (Caribe, norte), Apiay (este); os fortes do Exército Larandia (Sur) e Tolemaida (centro), e as bases navais de Cartagena (Caribe) e Baía Málaga (Pacífico, oeste), segundo detalla o texto. Mais, os efectivos militares terán tamén acceso e uso "das demais instalacións e situacións en que conveñan as partes". A maiores, o acordo tamén habilita ao persoal de Estados Unidos para levar armas.
Chávez: "Na Casa Blanca consumen a cocaína que sae de Colombia"
Segundo ambos gobernos, o obxectivo deste pacto é a loita contra o narcotráfico e o terrorismo. Porén, países como Venezuela, Ecuador, Bolivia, Nicaragua ou Uruguai xa amosaron o seu rexeitamento a presenza norteamericana en Colombia, dende onde temen que lancen operacións contra gobernos críticos coas políticas de Washigton.
En concreto, un dos máis críticos con este acordo foi Hugo Chávez. O presidente venezolano advertiu que "sopran ventos de guerra" e anunciou a suspensión de toda relación comercial con Bogotá. Ademais, explicou que o problema das drogas non está nos países produtores, senón na alta demanda por parte de Estados Unidos: "o nivel de adictos é tal que até na Casa Blanca se consume cocaína", dixo.
Así, acusou ás tropas estadounidenses de favorecer e canalizar o tráfico de estupefacientes: "Está demostrado que o 80% da droga en Colombia sae polo Pacífico e aí teñen os ianquis portavións; o que fan é propiciar o narcotráfico e coidalo", dixo.