Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reino Unido

Suspenden dous gardas da Torre de Londres por suposto acoso á primeira 'beefeater'

Moira Cameron, primeira muller en acceder ao senlleiro cargo, sufriu danos no seu uniforme e recibiu notas ameazadoras.

Redacción - 16:40 03/11/2009

A primeira 'beefeater', garda da Torre de Londres, nos 524 anos de historia do corpo, acusou dous dos seus compañeiros de acoso, polo que foron suspendidos dos seus postos. Os 34 gardas, co seu peculiar uniforme, incorporaron ás súas filas no ano 2007 a Moira Cameron, primeira muller nese cargo.

Cameron, de 44 anos, derrotou cinco homes nas probas de acceso á praza. Porén, segundo informaron varios xornais, sufriu danos no seu uniforme e recibiu notas desagradábeis no seu armario. Ademais, a policía detivo un sospeitoso de manipular a súa entrada na Wikipedia.

A Torre de Londres informou nun comunicado de que tres Yeoman Warders (nome oficial dos beefeaters) estaban en investigación polas acusacións de acoso. Dous deles foron suspendidos do cargo.

O corpo dos 'beefeaters', que se cre que se chaman así porque recibían unha ración diaria de carne, data do ano 1485, cando o rei Henrique VII formou unha garda persoal. Para poderen optar ao posto, os candidatos deben levar un mínimo de 22 anos de servizo nas forzas armadas e teren recibido condecoracións por boa conduta e longo servizo. Na Torre de Londres, construída en 1078 por Guillermo o Conquistador, gárdanse as xoias da coroa británica dende 1303. Foi ademais, lugar de execución, armaría, tesouraría, zoo, fábrica de moeda e, orixinalmente, fortaleza, pazo real e prisión.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: