Carlos Callón cualifica as contas de "fraude" e acusa ao Goberno de incrementar o gasto na promoción do idioma fora de Galiza mentres o asfixia "onde ten razón de ser".
A Mesa pola Normalización Lingüística censura a redución dun 20% nas contas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para 2010. Carlos Callón considerou este descenso "unha caída histórica" e lamentou que se deixen de adicar cartos a cuestións tan fundamentais como a normalización ou a edición.
En concreto, redúcense un 50% as axudas para a edición de libros en galego; un 36% as partidas para recursos de normalización lingüística; un 25% o fomento do galego desde as asociacións; ou un 20% as axudas aos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos. Nas palabras do presidente da mesa, o obxectivo do Goberno é "desnutrir o idioma galego", para o que "non lle serven nin os coidados paliativos".
Axudas no exterior
Ademais, Callón insistiu en que "mentres se reducen as partidas á promoción interna, increméntanse as de promoción exterior", o que cualificou como "unha política propia do tardofranquismo". Parte do diñeiro que antes se destinaba ao fomento do galego en Galiza, pasa agora a actividades fóra do noso territorio (os fondos medran neste caso nun 15%). "Propagandease coa promoción do galego fóra das nosas fronteiras mentres se asfixia o idioma alí onde ten razón de ser", di Callón, quen denunciou que "para Feijoo, o galego mellor canto máis lonxe, inútil e inoperativo".