Feijoo anuncia que conselleiros, directores xerais ou presidentes de empresas públicas sufrirán unha rebaixa dun 3% nos seus salarios.
A rebaixa salarial tradúcese en dous mil euros anuais de media
"Estamos para servir, non para servirnos", dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na reunión interparlamentaria que os populares celebraron este sábado en Compostela. O xefe do executivo anunciou unha rebaixa do 3% do salario dos altos cargos do Goberno, unha medida coa que asegurou que se aforrarán uns seis mil euros durante toda a lexislatura.
En termos exactos, esta redución salarial tradúcese nunha media por alto cargo de dous mil euros ao ano, que deixarán de cobrar conselleiros, directores xerais, presidentes de empresas públicas, xerentes de hospitais, de organismos autónomos e demais entidades públicas. A rebaixa salarial tramitarase a través dunha emenda aos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2010, segundo adiantou Feijoo.
Un goberno "sen soberbias"
Finalmente, pediu aos parlamentarios o esforzo de "traballar con máis intensidade e con máis austeridade" e propuxo un "código permanente coa austeridade e cos galegos". Asemade, asegurou que o PPdeG está a gobernar "sen soberbia" e "rectificando cando nos equivocamos", mais mantendo as ideas "cando cremos que son razonábeis".
"Tufo propagandístico"
As reaccións a este anuncio do presidente da Xunta non se fixeron agardar. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou que esta medida ten un "inconfundíbel tufo propagandístico" e que demostra a "improvisación coa que actúa Núñez Feijoo".
Nesta liña recomendoulle que "abandone a propaganda para apoiar os servizos públicos e a economía produtiva". Vázquez, quen destacou que o BNG está a favor da austeridade, subliñou que "hai cousas moito máis prioritarias", entre as que nomeou a renuncia á privatización da sanidade e o incremento do gasto en educación, no ensino superior e en I+D+i.