O PSdeG acusa a Consellaría de presentar unha auditoría "inventada e manipulada" para "agochar o fracaso na xestión dos últimos seis meses".
A auditoría das listas de espera encargada polo Goberno do PP na Xunta revelou que o bipartito deixou un total de 71.224 pacientes sen rexistrar, dos que 5.328 estaban "desprogramados indefinidamente" pendentes de ser citados, principalmente nos hospitais do Barbanza e da Costa.
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, convocou esta cuarta feira os medios para informar dos datos das listas de espera a 30 de setembro, e explicou que se detectaron "incidencias" no apartado cirúrxico e no rexistro das datas que se toman como base para o cómputo da listaxe.
Segundo concretou Farjas, por unha parte a auditoría sinala que un total de 46.373 citas de consultas de pacientes "non estaban informatizadas" e, polo tanto, o tempo de espera destes non estaba contabilizado en ningún rexistro.
Os hospitais que se atopaban en "bolsas de pacientes" nesta situación, segundo dixo, son os complexos hospitalarios de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense, Lugo, Monforte e a Área Sanitaria de Ferrol.
Pola súa banda, un total de 19.523 pacientes estaban "sen citar nin tratar" para unha primeira consulta ou proba e, polo tanto, "non atendidos polo sistema", segundo resaltou a conselleira, nos hospitais do Barbanza, Ourense, Salnés, Ferrol, Burela e da Coruña. Ademais, engadiu outras 5.328 persoas pendentes de ser citadas. Sobre todo, dixo que Oftalmoloxía e Xinecoloxía eran algunhas das especializadas con pacientes sen citar nin reprogramar.
Fronte á "descoordinación e falta de criterios homoxéneos", Farjas comentou que o seu departamento procedeu, cando o 5 de agosto detectou a primeira bolsa de pacientes, a citar en todos os hospitais estas persoas pendentes.
PSdeG: "Agochar a súa propia incapacidade"
O PSdeG, responsábel do departamento de Sanidade durante o bipartito, acusou a Consellaría de presentar unha auditoría "inventada e manipulada" para "agochar o fracaso na xestión sanitaria dos últimos seis meses".
O portavoz socialista en materia de sanidade, Modesto Pose, sinalou nunha nota de prensa que a consellaría "quere facer unha cortina de fume" logo do incremento nas listas de espera e a "intención de privatizar a sanidade pública, tal e como evidencian os orzamentos para o próximo ano".
Pose, que ten previsto comparecer esta quinta feira ante os medios para "responder" os datos presentados por Farjas, recalcou que Sanidade "pretende agochar a súa propia incapacidade acusando a xestión anterior". "Igual que no verán acusaron os profesionais sanitarios pola falta de actividade sanitaria cando era a propia conselleira a que suprimía as súas peonadas", concluíu.