A Cámara de Comercio España-Estados Unidos decidiulles outorgar o galardón pola súa "sobresaínte contribución profesional".
A Cámara de Comercio España-Estados Unidos celebra o 6 de novembro a súa 30ª gala anual en Miami coa entrega dos seus premios "Universal Spaniards" (españois universais). Desta volta, os agraciados son o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o director de El Mundo, Pedro J. Ramírez, e o cantante David Bisbal, pola súa "sobresaínte contribución profesional como españois nos Estados Unidos". No apartado empresarial, premiarase IBT Group, LLC, especializado na construción e en equipamentos públicos.
A gala, á que haberá que asistir de rigorosa etiqueta, terá lugar no Hotel Biltmore da cidade estadounidense, e estará presentada por Marián de la Fuente e Carlos Herrera. O prezo da entrada é de 300 dólares para socios e de 350 para amigos da Cámara. A velada consistirá nun recibimento con alfombra vermella e cóctel seguido dunha cea de tres pratos, durante a que terán lugar os discursos e a cerimonia.
A Spain-United States Chamber of Commerce é unha entidade fundada en 1959 en Nova York que pretende fortalecer as relacións empresariais e culturais entre o Estado Español e os Estados Unidos, mantendo Florida como ligazón entre os dous estados.