Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Memoria 2008 do fiscal superior do TSXG

A Fiscalía propón unha lei de mediación e "tribunais de bisbarra"

Tamén chamou a atención sobre a "masificación" da poboación reclusa e advertiu dos déficits do sistema de traballos en beneficio da comunidade.

Redacción - 15:45 20/10/2009

Na anterior lexislatura, a Vicepresidencia da Igualdade, en colaboración coa Fiscalía, o Colexio Oficial de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Avogados de Santiago, puxeron en marcha unha experiencia de "mediación" que se demostrou significativamente exitosa. Foi apenas unha pequena experiencia no Xulgado de Primeira Instancia Número 6 de Santiago, pero polos seus logros, o convenio foi lembrado este martes polo Fiscal Superior do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia (TSXG), Carlos Varela, durante a presentación da memoria 2008 da Fiscalía. Na súa comparecencia diante dos representantes dos tres grupos parlamentarios, Varela reclamou non só manter o aval financeiro para este proxecto, senón amplialo e estendelo así a todo o país.

Na opinión de Carlos Varela, esta aposta "colocaría Galiza nunha posición de vangarda na introdución da mediación como sistema alternativo de resolución de conflitos". Chamou a atención o fiscal sobre o éxito da aplicación deste tipo de medidas nos problemas que lle afectan a menores. "Nun 95 por cento dos casos, os menores sometidos a mediación non volven reincidir", destacou. Xa que logo, propuxo crear unha lei de mediación "actualizada" no ámbito do dereito privado para aplicar en procedementos de familia e menores e resolver outros problemas "nos que os cidadáns involucrados deban manter a súa relación nun futuro". "Non deberiamos pasar nin un minuto máis sen unha marco normativo para a mediación", advertiu.

Arbitraxe e tribunais de bisbarra
"Non todos os litixios teñen que ser resoltos polos tribunais", defendeu o fiscal superior, salientando o potencial aforro de recursos que no ámbito xudicial se podería conseguir apostando máis pola mediación e a arbitraxe. Na súa opinión, podería darlle unha saída, "máis rápida e eficaz" a todo o volume procesual de litigación en masa e de baixa intensidade que, laiouse, "colapsa" actualmente os tribunais de xustiza.

Doutra banda, na liña de reorganización do modelo actual de territorialización da xustiza, Carlos Varela defendeu a presenza "dun tribunal de bisbarra" con competencia para abranguer a "pequena litixiosidade" referida aos conflitos de "baixa densidade" nos ámbitos civil, penal e administrativo.

Cárceres masificados
Por outro lado, Carlos Varela denunciou a "masificación" da poboación reclusa en Galiza, indicando que en 2008 rexistráronse un total de 4.800 internos, dos que un 88,45% foron presos condenados e un 11,54%, preventivos. En total, Galiza, que acumula o 6,52% do total de poboación reclusa do Estado, rexistrou un incremento interanual do 12,43%, "moi superior" ao 4,43% do aumento rexistrado no conxunto do Estado.

A ocupación máxima é na prisión coruñesa de Teixeiro, 1.771 internos, seguida do cárcere d'A Lama, con 1.661. Varela resaltou que este nivel de ocupación resulta "excesivo" en comparación co número previsto "inicialmente" para cada un dos centros, 1.008 reclusos e recordou que a partir dos 1.500, cifra superada nos dous casos, fálase dun "alto risco de conflitividade". Unha conflitividade que quedaría evidenciada nos expedientes xudiciais relacionados, que en 2009 chegaron a 12.429 asuntos. De paso, o fiscal denunciou a "dificultade" na execución e control das penas de traballos en beneficio da comunidade, que atribuíu á "insuficiencia" de postos de traballo aos que destinar os penados.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: