Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Opinión

Civilización e Barbarie en Galicia

A partir dunha imaxe tirada por Xoán Piñón, o profesor Xosé Lois Martínez reflexiona sobre a destrución do patrimonio arquitectónico.

Xosé Lois Martínez - 11:30 19/10/2009

Xoán Piñón tirou a foto que acompaña estas liñas en 1981 na Praza de Pontevedra, na Coruña. Partindo da imaxe, Xosé Lois Martínez, profesor titular de Urbanismo e Vicerreitor de Infraestruturas da Universidade da Coruña, realiza esta reflexión sobre a destrución do patrimonio arquitectónico no país. O artigo, a continuación, foi publicado na bitácora de Piñón, e reproducímolo aquí pola súa interese:


Non é unha fotografía para agradar

Un pequeno e composto edificio de vivendas da pequena burguesía galega decimonónica queda emparedado entre a esquelética estrutura de dous xigantes da especulación inmobiliaria do desarrollismo.

A luz, rebota nos forxados, vigas e piares de formigón, aínda espidos da roupaxe epidérmica da fachada, debuxando unha cuadricula dun negro baleiro que contrasta coa fraxilidade e transparencia das delicadas galerías de madeira e vidro nas que, brancas e ordenadas cortinas, mostran signos dunha vida domestica en aparente tranquilidade.
Na planta baixa o rótulo do Bar Benito, parcialmente oculto tralos andamios, agóchase coñecedor da imposibilidade da súa supervivencia no novo escenario que se está a construír.

Sobre o pequeno edificio, un inquietante baleiro recórtase nunha paisaxe urbana en transformación. A mirada fotográfica de Xoan Piñón é unha mirada critica. A dimensión do baleiro mide a intensidade da violencia coa que se transforma un, en principio anónimo Centro Histórico, na desigual batalla que se está librando pola defensa do patrimonio durante os últimos corenta anos.

A cultura fronte a barbarie.

A arquitectura da cidade entendida como valor de uso e signo de excelencia e identidade urbana, fronte arquitectura na súa condición adxectiva ao servizo dun produto inmobiliario concibido prioritariamente como valor de cambio, como mercancía.

Unha imaxe na que se visibiliza unha etapa crítica na construción da cidade contemporánea. O enfoque frontal, sitúa a franxa do baleiro entre edificacións no centro da imaxe.

Convérteo en protagonista, cun nivel de abstracción que abre a posibilidade da identificación da fotografía cun fragmento de calquera vila ou cidade do país: ¿O ensanche da Coruña ou o de Santiago?.¿Viveiro ou Betanzos?. ¿Sarria ou Monforte? ¿O ensanche de Vigo ou o de Pontevedra? ¿A Rúa de Linares Rivas ou a Praza de Pontevedra? ¿Verín ou Malpica?¿O barrio da Magdalena de Ferrol?.

Entre os múltiples significados a fotografía remítenos a un tempo ( o ultimo cuarto do século XX), e a unhas formas urbanas en colisión (co extraordinario cambio de escala das novas edificacións que triplican o numero de plantas da precedente).

Nun momento concreto, no centro das grandes cidades galegas estanse a enunciar as regras a seguir, os modelos a imitar na construción do espazo urbano dos últimos anos do século XX.

Dende o corazón mesmo da urbanidade o cancro estendeuse rapidamente ao xeito dunha metástase por todo o corpo do país.

Pero é a posibilidade de percibir a intensidade da violencia, a que nos revela que foi nas paisaxes urbanas dos Centros Históricos e nos Ensanches burgueses onde os novos bárbaros fixeron o primeiro acto de presencia: alí levantaron as novas referencias.

Significadas a través dos mass media como o síntoma por excelencia do “progreso” e da “modernidade”, impulsadas polo sector financeiro con novas fórmulas crediticias, abríronse as comportas da ignorancia duns e da ambición desmedida doutros que se sentiron lexitimados para, destruíndo páxinas memorables do libro da cidade, transformar radicalmente o decorado que serve de telón de fondo ao drama no que se está a desenvolver a construción da Galicia contemporánea. Nos centros históricos ou nos pequenos ensanches de tódalas vilas (Betanzos, Sada, Verín, Noia, Sarria, Baiona...) e incluso nos entón pequenos núcleos de poboación (Santa Cruz, Mera, O Burgo, A Pasaxe, Cabanas, ...) interpretaron, cada un ao seu xeito, a mensaxe emitida dende a cidade. Unha mensaxe que levaba implícita a incapacidade dos novos operadores urbanos de crear unha alternativa urbana propia sen negar os valores culturais da cidade precedente, da “cidade como obra de arte”.

En 1969,doce anos antes da realización da fotografía, en Boloña aprobárase o Plan Especial de Protección do Centro Histórico e enunciárase a necesidade da súa Planificación Integral. Seis anos antes, en 1975, redactárase a Declaración de Amsterdam sobre o Patrimonio Arquitectónico Europeo.

A imaxe, na súa condición fotográfica vai mais aló do momento e do lugar concreto da súa realización, abrindo o paso á súa “descontextualizacion temporal e física”.

Un pequeno fragmento da coruñesa praza de Pontevedra móstranos o conflito entre as tipoloxías da cidade histórica e as alternativas especulativas do “progreso”.

Un conflito que o baleiro fai visible na gran tramoya dos edificios en construción, antes de que a doce e amnésica máscara da epidérmica “arquitectura de fachada” da modernidade, oculte con maior ou menor éxito os excesos dun sector inmobiliario bárbaro e voraz que, alleo á dimensión cultural e histórica da cidade, reclama violentamente o rol de protagonista principal no drama da construción da Galicia urbana”.


5/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: