Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XI ASEMBLEA

Galiza Nova busca unha cada vez máis difícil candidatura unitaria

A plataforma 'Proposta Militante', nucleada arredor de Isca, e 'Entre tod@s, Galiza Nova', impulsada por 'Máis BNG', ultiman as súas listas.

R.V - 12:00 14/10/2009

Semella unha tarefa máis que difícil pero aínda non están pechadas todas as portas. As principais formacións e correntes de Galiza Nova (UMG, 'Máis BNG' e Isca) proseguen cos contactos para intentar levar unha candidatura unitaria á Asemblea Nacional dos vindeiros días 24 e 25 deste mes. Porén, tal e como adiantara Vieiros hai tres semanas, o máis probábel é que finalmente sexan tres as listas á Dirección Nacional.

O primeiro paso dérono a finais do mes pasado os sectores de Galiza Nova máis próximos á corrente 'Máis BNG'. Logo de ter acusado á organización xuvenil do Bloque de terse pechado en si mesma nos últimos anos, esta corrente anunciou a creación dunha plataforma de cara á asemblea (Entre tod@s, Galiza Nova). Segundo fontes consultadas por Vieiros, Iñigo Ansotegui perfílase como posíbel número un desta candidatura.

Tamén esta semana deu un paso adiante Isca. A formación soberanista integrada en Galiza Nova anunciou a creación dunha plataforma, na que tamén participan independentes, denominada 'Proposta Militante'. No seu decálogo piden máis pluralidade interna e máis acento na mensaxe nacionalista e de esquerdas. Dende esta plataforma dan por feito que non vai haber posibilidade de acordo antes da asemblea. Porén, non desvelan o nome da cabeza de lista, aínda que hai quen apunta a posibilidade de que sexa Noa Presas.

De non haber candidatura única, será a UMG a que terá que mover ficha para crear a súa propia plataforma con independentes. As mocidades da UPG, debido ao seu peso histórico, seguen a ter a chave de Galiza Nova. De feito, é xa tradición que a secretario xeral pertenza a este partido. A última, Iria Aboi, non quere falar de candidaturas e limítase a dicir que hai unha data marcada: o vindeiro sábado 17 de outubro. Ese día reúnese a Dirección Nacional e aí saberase se vai haber un acordo para unha candidatura unitaria.


4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: