O sector xuvenil próximo a Carlos Aymerich acusa á UMG de facer unha organización “a cada paso máis pechada en si mesma”.
Os sectores de Galiza Nova máis próximos á corrente “Máis BNG” anunciaron oficialmente este sábado que están dispostos a presentar unha lista propia na vindeira Asemblea Nacional, que se celebrará o 24 e 25 de outubro. Para iso, este sábado presentaron en Compostela unha plataforma que leva por nome “Entre tod@s, Galiza Nova”.
O responsábel de “Máis BNG-Mocidade”, Paulo Carlos López foi moi crítico coa liña de Galiza Nova. Para López, a organización xuvenil do BNG está “a cada paso máis pechada en si mesma”. Dende a nova plataforma responsabilizan directamente disto á UMG, organización maioritaria dentro de Galiza Nova e á que pertence a actual secretaria xeral, Iria Aboi. Tamén critican á actual dirección por non permitir unha ampliación do prazo para a actualización de cotas, o que segundo afirman vaille impedir a asistencia a moitos militantes.
Aínda que dende os sectores xuvenís próximos á corrente que lidera Carlos Aymerich, sinalan que hai tempo para negociar un cambo de rumbo, fontes desta mesma tendencia sinalan que as esperanzas dun entendemento coa UMG antes da Asemblea Nacional son practicamente nulas.