O STEG esixe que se manteñan os dereitos adquiridos do profesorado substituto e critica as solicitudes de devolución de ingresos de xullo e agosto.
O Sindicato dos Traballadores do Ensino (STEG) denuncian a intromisión da inspección de traballo nun ámbito que non lle compete, xa que o profesorado substituto está sometido ao dereito administrativo e a inspección educativa, e critican as manobras burocráticas que pretenden quitarlle ao profesorado substituto os ingresos de xullo e agosto.
Segundo explican, recentemente os docentes que realizaron substitucións de máis de cinco meses e medio nos últimos cursos, comezaron a recibir unha notificación da inspección de traballo pedíndolles devolver os salarios recibidos nos meses de xullo e agosto. Paradoxalmente, segundo un acordo de 2006, o profesorado que superou ese período como substituto nas aulas ao longo do curso, ten dereito a retribución no verán unha vez deducidos os días aboados por vacacións retribuídas e non gozadas.
O STEG reprocha o mecanismo usado pola inspección con esta fin, que "alega que o contrato que se lles realiza para eses efectos é unha simulación de contrato ou, dito noutras palabras, é un contrato ilegal", unha interpretación que o sindicato considera "excesivamente literal e afastada do espírito da Addenda de 2006 que rexe este tipo de contratos". Contactada a administración educativa, esperan que vaia adiante o compromiso de defender os dereitos adquiridos polo profesorado substituto.