Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Relixión

Un de cada catro habitantes do mundo é musulmán

Arredor de 1.570 millóns de persoas profesan o Islam, a maioría en Asia, segundo un estudo divulgado nos Estados Unidos.

Redacción - 09:15 09/10/2009

Un informe do centro de estudos estadounidense Pew Forum on Religion and Public Life, elaborado durante os tres últimos anos, estima que arredor de 1.570 millóns de persoas da poboación mundial profesan activa ou pasivamente a relixión do Islam.

Un 60% destes, segundo os datos recompilados de 232 países e territorios, habitan en Asia, mentres que tan só o 20% vive en Oriente Próximo e o Norte de África. As cifras mostran, por exemplo, que hai máis musulmáns en Alemaña ca no Líbano, ou en Rusia ca en Xordania e Libia xuntos.

Ademais, un 15,3% localízanse na África Subsahariana; un 2,4%, en Europa; e un 0,3%, en América. Máis de 300 millóns de musulmáns viven en países onde o Islam non é a relixión maioritaria. Do total da poboación musulmá, entre o 10% e o 13% son xiís -a maioría en Irán, Paquistán, India e Iraq-, e entre o 87% e o 90% son sunís.

"Maior do estimado"

Os investigadores analizaron unhas 1.500 fontes entre censos, estudos demográficos e sondaxes xerais de poboación. Segundo declarou na canle de televisión CNN o principal responsábel do informe, Brian Grim, "globalmente, o número é maior do que estimaba".

Segundo o compendio estatístico relixioso que se pode consultar na web adherents.com, no mundo hai aproximadamente 2.100 millóns de cristiáns, 900 millóns de hindús e 14 millóns de xudeus.


Ligazóns

1/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: