A Rolda da Rebeldía procurará unha organización político social que transcenda o modelo clásico e que estea á altura das exixencias sociais do país.
A "revolta ideolóxica, política e social" do Encontro Irmandiño (EI) está en marcha. A primeiros de decembro celebrarase o primeiro encontro enmarcado na Rolda de Rebeldía, coa que esta formación nacionalista pretende "iniciar un proceso de busca dunha organización político-social que transcenda o inservíbel modelo clásico e que estea á altura das exixencias políticas da esquerda social do noso país".
O obxectivo é reunir "á meirande representación posíbel da esquerda política transformadora e da esquerda social galegas" e debater sobre tres eixes temáticos fundamentais. O primeiro destes puntos refírese ao modelo clásico do funcionamento dos partidos: o EI pregúntase como se debe construír un novo referente suxeito-político-social, cal é o modelo organizativo do que se debe dotar e se é necesario o acceso ás institucións. O segundo eixo céntrase nas canles de comunicación, participación e irmandade entre a esquerda social e a esquerda política. Finalmente, o terceiro apartado cuestionará os mecanismos e accións que debe emprender o nacionalismo de esquerdas para afondar na creación de masas críticas que exixan un cambio radical no modelo de sociedade partindo da realidade galega.
Dende EI pretenden que este debate sexa o máis aberto posíbel polo que animan á cidadanía e aos movementos sociais de esquerdas do país a participar. O prazo de inscrición rematará o 10 de novembro para colectivos e o 20 para cidadáns. Ademais, até o 31 de outubro poden enviarse achegas, reflexións, propostas de debate ou ampliación dos eixes temáticos. Así, chaman ao diálogo, do que apuntan que nacerá o entendemento, "e do entendemento os mecanismos para avanzarmos en obxectivos comúns, sen límites, sen medo a experimentar, sen utilizacións e con atrevemento e sinceridade".