Sumar esforzos dun amplo abano social en favor, entre outros obxectivos, dunha "repolitización democrática da economía en beneficio do ben común".
O Encontro Irmandiño acaba de facer público o punto de arranque do seu proxecto a curto prazo na idea de que poñer a andar un proceso de reforzo desta iniciativa "como instrumento político e social para a liberación nacional e social de Galiza, implicando e comprometendo a todas e todos os que pensen que unha outra Galiza é posíbel".
Poden atopar o resumo da xuntanza mantida esta semana pola coordinadora deste corrente interna do BNG no seu espazo web: EncontroIrmandiño.org. A reunión, anunciada ao comezo da semana como a apertura dunha reflexión e debate "sobre o estado da vida interna do BNG e a súa relación cos movementos sociais, así como os métodos para achegar o BNG e o Encontro aos mesmos" deu lugar a un documento onde, malia non facerse referencia explícita ao Bloque, fálase dun proceso que "en ósmose cos movementos sociais e sectores e persoas convidados, comezará este mesmo mes de agosto, botando a andar este texto entre a militancia dos diversos sectores do BNG para en setembro artellar contactos e peneirar respostas.
En outubro, o Encontro Irmandiño abrirá un proceso de afiliacións e deica novembro convocará a chamada "Rolda de Rebeldía", unha sorte de "irmandamento social" orientado ao coñecemento e debate de propostas. Entre xaneiro e febreiro concretarán modelo organizativo e relatorios políticos para a preparación dunha Xunta Nacional Irmandiña a celebrar entre marzo e abril de 2010 para "avaliar e resolver sobre as propostas políticas".