En Galiza, a Xunta recomendou hai uns días aos directores dos centros públicos que "recorten o gasto en luz e auga".
As escolas están obrigadas a aforrar
Na Irlanda como na Galiza. Se hai uns días, o PSdeG denunciaba que a Consellaría de Educación estaba a "denigrar e vituperar" o ensino público pola súa petición aos directores dos centros públicos de que "como na posguerra, recorten gasto en luz e auga", agora é a illa celta a que se apunta á moda de loitar contra a crise a costa do ensino. No entanto, no caso irlandés é unha iniciativa do privado.
Concretamente, os pais das alumnas da escola feminina de St. John, no condado de Cork, recibiron a semana pasada unha carta da directora, Catherine O'Neill, solicitando que as cativas levasen o seu propio papel para o baño, informa o diario The Guardian.
A medida, segundo a dirección do colexio, é voluntaria e ocasional, e que se adoptou debido aos recortes. "Tentamos recortar gastos e asegurar que as nosas subvencións se destinan ás necesidades educativas", argumentou O'Neill.
"Cremos que esta petición non suporá unha carga sobre as familias, só esperamos gastar o diñeiro na educación", afirmou. "Somos conscientes dos recortes, non pretendiamos insultar ninguén", engadiu, e indicou que non cre que a súa escola sexa a primeira en facer este tipo de peticións.
O maior sindicato irlandés, INTO, asegurou que os recortes veñen de vello. Un seu portavoz, Peter Abranden, sinalou que "hai dous anos o goberno prometera gastar 252 millóns de euros para mellorar os computadores, mais non gastou nin un céntimo".