"Non é certa a escusa que pon Feijoo, porque hai tres persoas do PP galego que estaban e están", arrebólalle a deputada e portavoz do PSdeG, Mar Barcón, ao líder do PPdeG ao respecto do caso Gürtel.
Barcón revelou que o PSdeG reclamou da Deputación de Pontevedra informes de facturas dos anos 1999, 2000, 2001 e 2002. "Hai constancia de que Louzán contratou nestes anos a empresas relacionadas co caso Gürtel", acusou a socialistas ao presidente do ente provincial, Rafael Louzán.
Ao tempo, o PSdeG solicitou datos da Comisión de Pesca onde sae avalía a xestión de Portos de Galicia, para aclarar os contratos que Carlos Negreira, presidente do PP na provincia da Coruña e actual voceiro municipal do PP na cidade herculina, xestionou cando era presidente da entidade portuaria. De xeito concreto, subliñan que hai contratos coa empresa Constructora Hispánica, "vinculada coa trama Gürtel, e outras contratacións a empresas que figuran no expediente policial que investiga este caso de corrupción". Unha empresa que, recordou Barcón, está ademais vinculada a obras relacionadas co goberno español "estando Aznar e Rajoy en postos de responsabilidade do goberno central".
En terceiro lugar, salientan os socialistas os informes das consellarías de Medio Ambiente e Urbanismo sobre a paralización da urbanización de Sanxenxo, autorizada por Telmo Martín cando era alcalde deste concello, á empresa Sedesa, relacionada co caso Gürtel. O PSdeG pedirá ademais no Concello de Sanxenxo información sobre a recualificación de terreos realizada para a construción do polígono neste concello.
"Homes do presidente" "Parece que todo converxe especialmente na provincia de Pontevedra", chamou a atención a deputada socialista. "Na que é ademais a provincia de Rajoy e Louzán, e na que residiu Feijoo", dixo. Na súa opinión, as vinculacións do PP galego co caso Gürtel "non rematan aquí" e dixo sospeitar que "pode haber máis relacións con este caso tanto na provincia de Pontevedra como noutras provincias galegas".
A voceira do PsdeG esixe que Louzán, Negreira e Martín, aos que define, pola súa proximidade a Alberto Núñez Feijoo como "homes do presidente", dean explicacións sobre eses fíos. Ao tempo, esíxelle a Feijoo que "deixe a pasividade" e ofreza "explicacións da relación dos seus homes de confianza co caso Gürtel, unha trama que salpica o PP en toda España".
"Xa o propio Fraga dixo que isto non ía ben, algo no que nós coincidimos", engadiu Barcón, convidando o líder do PPdeG a "asumir a realidade" e "deixar de escudarse en que el non estaba nese momento".