O PSdeG pídelle ao candidato popular pola Coruña "que non minta", e o BNG a Feijoo, que aplique a mesma "doutrina" ca en Ourense e o destitúa.
A trama de corrupción en que están implicados cargos destacados do Partido Popular a nivel estatal, tamén o ex secretario de Organización do PPdeG Pablo Crespo, persegue os populares galegos nos días previos ao comezo da campaña electoral.
Tanto os candidatos coruñeses do PSdeG como os do BNG aproveitan calquera comparecencia para fustrigar o candidato pola provincia da Coruña, Carlos Negreira, o que acusan de manter unha suposta relación co implicado mentres este ocupou o cargo de presidente de Portos de Galicia.
Negreira viu a súa situación máis comprometida cando, querendo evitar dende un principio que o ligasen con Crespo -acusado de branqueo de capitais, fraude fiscal, tráfico de influencias e suborno-, aseverou e reiterou que nunca asistira a consello de administración ningún mentres el presidiu Portos.
O candidato popular, ante a presión dos socialistas coruñeses, encabezados por Mar Barcón, tivo que rectificar este martes: "En 2003 parece ser que asistiu a un consello de administración e que noutro delegou nunha persoa", recoñeceu ante os xornalistas. Ademais, dixo non ter constancia de que a empresa de Pablo Crespo percibise diñeiro do PPdeG cando Feijoo era conselleiro de Política Territorial, segundo denunciara tamén o PSdeG.
BNG: "Semella que Negreira recupera a memoria"
Ao respecto, pronunciouse tamén esta cuarta feira o voceiro parlamentario do BNG durante a última lexislatura e número tres da candidatura pola Coruña, Carlos Aymerich. "Semella que agora Negreira recupera a memoria parcialmente", afirmou o nacionalista, que augurou que "irá recuperando máis" en días vindeiros e coñecerase "por capítulos" cal é o "alcance real" da súa vinculación con Crespo, informa Europa Press.
Aymerich, ademais, suxeriulle ao candidato do PPdeG á Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que debería aplicar na Coruña "a doutrina de Ourense" -en referencia á dimisión de Luís Carrera polos seus problemas coa Facenda- e destituír o Carlos Negreira, do que tamén a Fiscalía do Tribunal de Contas investiga a súa xestión en Portos de Galicia, dixo.
Pola súa banda, o aludido atribuíu as acusacións a unha "cazaría" sobre á súa persoa, e pediu "respecto". "Poderíanselle sacar moitas cousas a Barcón", advertiu Negreira en referencia á súa etapa como concelleira de Urbanismo na Coruña e, en concreto, á urbanización da zona do Papagayo, asegurado que o PPdeG non entrará neste tipo de campaña.
O PP vincula as acusacións de corrupción cos vindeiros comicios