Doutra banda, representantes da diáspora irlandesa reuníronse en Dublín recentemente para realizar achegas sobre o futuro da illa no actual escenario de crise económica.
Por primeira vez dende 1995, o número de traballadores que abandonan a República de Irlanda supera o número de inmigrantes, segundo dados publicados pola Central Statistics Office (CSO). CSO estima que a porcentaxe de emigrantes subiu un 40% no que vai de ano.
Segundo estatísticas, case a metade dos emigrantes (30.100) son cidadáns procedentes dos 12 países do Leste e Centro Europa que accederon a Unión Europea no 2004, na súa maioría retornando aos seus países de orixe; mentres que 18.400 dos emigrantes son irlandeses.
Os principais destinos dos emigrantes foron os países de Europa do Leste (case 23.000), perto de 12.000 emigraron ao Reino Unido, mentres que 6.600 marcharon a outros países europeos, 3.700 aos Estados Unidos e 20.000, a outros países do mundo non especificados, aínda que probablemente se trate maiormente de Canadá e Australia. Segundo dados da CSO, o número de parados en Irlanda duplicouse nos últimos 12 meses, acadando unha porcentaxe de desemprego do 12,4% no mes de agosto.
A diáspora irlandesa reúnese en Dublín para debater o futuro da illa
O Irish Global Economic Forum reuniu en Dublín a mediados do pasado mes de setembro, a políticos, empresarios e intelectuais de orixe irlandés de todo o mundo para debater o futuro económico da illa.
A misión do foro, impulsado polo economista e escritor irlandés David McWilliams, é debater e impulsar ideas que axuden a paliar os efectos da crise na República de Irlanda e crear postos de traballo, baseándose nas experiencias exitosas da diáspora irlandesa.
Entre os mais de 150 invitados atopábanse altos cargos de orixe irlandés de empresas e multinacionais de América, Oriente Medio, Asia, Australia, Reino Unido e doutros países europeos. O director de cine Neil Jordan e o músico Bob Geldof, tamén formaron parte do grupo de asistentes ao foro, que se celebrou a porta pechada en Farmleigh House, Dublín.
Segundo a Central Statistics Office (CSO) a porcentaxe de desempregados no pais acadou 12.4% en agosto, a cifra mais alta en 14 anos. Segundo o impulsor do foro, David McWilliams, é esencial que o país tome como referencia o exemplo da diáspora e espera que catro ou cinco proxectos concretos para a creación de emprego saian adiante a partir da conferencia.