Dos dous informes discordantes emitidos pola Xunta, os tribunais obviaron o máis detallado, xustamente o que advirte das deficiencias do proxecto.
"Non se entende como poden ter validez xurídica no mesmo expediente, dous informes, os dous vinculantes, con contidos absolutamente contraditorios e discordantes emitidos pola mesma Consellaría de Pesca", advirten desde a plataforma A Ría Non se Vende ao respecto da sentenza emitida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre as obras do porto deportivo de Massó. O TSXG desestimou así o recurso contencioso administrativo presentado pola confraría de pescadores San Xosé, de Cangas, hai xa catro anos. Os mariñeiros reclamaban a paralización do proxecto de construción do complexo deportivo do Salgueirón.
Na análise da decisión dos maxistrados, A Ría Non se Vende chama a atención sobre o paradoxo de que se lle outorgase prioridade ao segundo dos informes citados, cando o primeiro deles partía dun texto "elaborado, pormenorizado e conciso" que reparaba nas "gravísimas deficiencias que presentaba o proxecto e que non foi tido en conta na súa fase de tramitación, cando debera obrigar a corrixir as premisas básicas do proxecto nesa fase". Pola contra, o segundo informe, non aparece asinado por ningún cargo da consellaría, con só a sinatura dun técnico en acuicultura, que di adaptar o informe anterior.
Entre o feixe de incorreccións aparece por exemplo a cualificación de "obra pública de interese xeral". Recordan desde o colectivo que non é a Autoridade Portuaria quen executa a obra, senón unha empresa privada, e ironizan sobre as razóns polas que as obras para a construción dun porto deportivo privado reciben a errónea consideración de "obras de interese xeral". Outro punto destacado é a advertencia que se realizara inicialmente sobre a necesidade dunha licenza urbanística, conforme ao previsto na lei, para a realización das obras ao amparo dunha concesión portuaria. Sen tal tramitación a obra non podería saír adiante e lembran ao respecto o porto deportivo da Lagoa, con orde de derrubo por carecer de licenza.
Toda a información polo miúdo na web da plataforma A Ría Non se Vende.