Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irlanda

Edición xestionada por María Golpe
RSS de Irlanda
Segundo referendo

Desta volta os irlandeses dixeron "si" ao Tratado de Lisboa

A cidadanía aceptou agora o que rexeitara nas urnas en 2008. O resultado final: 67,1% para o "si" e 32,9% para o "non".

Redacción - 20:15 03/10/2009

20h15: O resultado final do referendo irlandés, ano e medio despois de que os electores optasen maioritariamente polo "non", vira agora cara ao "si". Un 67,1% votaron a prol do Tratado de Lisboa e un 32,9% dixéronlle "non". A participación medrou algo máis de catro puntos respecto á consulta anterior. Deste xeito, a República Checa e Polonia son agora os únicos chanzos que lle restan ao Tratado para a súa ratificación.


16h45:
O primeiro ministro irlandés, Brian Cowen, afirmou que os cidadáns outorgáronlle un "claro e rotundo" triunfo ao "si" neste segundo referendo. Horas antes de que se coñezan os resultados finais e á luz da tendencia amosada polas urnas, Cowen asegurou que os electores foron favorábeis desta volta ao Tratado de Lisboa. "É un boa día para Irlanda e un bo día para Europa", dixo. "Os irlandeses amosaron unha Irlanda que abraza o seu futuro á beira de Europa", engadiu o primeiro ministro. Desde a beira dos grupos que pedían o "non", o líder do grupo Libertas, Declan Ganley, admitía que os resultados debuxan unha clara vitoria do "si". A prensa irlandesa cita o caso de diversas circunscricións onde o "non" gañara esmagadoramente hai mes e medio e agora foi o "si" o que venceu maioritariamente.

Desde a presidencia de quenda da UE, o ministro sueco de Exteriores, Carl Bildt, expresou que o acontecido "é unha importante vitoria para Irlanda e para toda Europa" e comentou que era só cuestión de tempo que "a UE finalmente premese no botón para a mellor cooperación que o Tratado de Lisboa nos dará".

9h30: Será ao longo deste sábado cando se coñezan os datos do reconto do referendo celebrado este venres en Irlanda, ano e medio despois de que os cidadáns votasen por vez primeira, rexeitando daquela o Tratado de Lisboa e abrindo unha importante crise no escenario político da Unión Europea.

Na primeira votación, en xuño de 2008, o 53% dos electores irlandeses que acudiran ás urnas escolleran o "Non" ao Tratado. As últimas enquisas prevían desta volta que habería un voto maioritario polo "Si", mais non con demasiada vantaxe. A mala situación económica do país na actualidade é, segundo algúns analistas da prensa irlandesa, un dos factores que podería influír decisivamente na viraxe do voto irlandés cara ao "Si". Con todo, por outro lado hai tamén quen aventura que o referendo mesmo poida verse afectado polo que se entendería como un posíbel voto de castigo ao actual goberno.

O primeiro ministro irlandés, Brian Cowen, advertiu de que o seu país perdería a confianza da UE se se impón novamente o rexeitamento. A oposición do Fine Gael, que apoiaba nesta cita a opción do "Si" ao Tratado, á beira do executivo, facía público a través da televisión irlandesa a última hora do venres un estudo que prognosticaba que o "Si" sairía opción gañadora por unha ampla marxe de até o 60% dos electores.

Concesións en troques da votación
Para propiciar a aprobación do tratado, que só pode entrar en vigor se o ratifican os 27 países membros da UE, Irlanda obtivo algunhas concesións, entre estas a permanencia dun comisario propio no Executivo de Bruxelas.


Irlanda é o único país do bloco europeo que ten unha Constitución obriga a convocar un referendo sobre o Tratado de Lisboa. No caso de que o 'Non' se volvese impor neste segundo referendo, a UE daría por fracasado o seu proxecto de reforma.




A última hora:


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"O único traballo que salva (o Tratado de) Lisboa é o de Brian Cowen", di a propaganda a prol do 'Non'
"O único traballo que salva (o Tratado de) Lisboa é o de Brian Cowen", di a propaganda a prol do 'Non'
Publicidade a prol de cada opción durante o referendo anterior / Imaxe: María Golpe
Publicidade a prol de cada opción durante o referendo anterior / Imaxe: María Golpe