Os sindicatos agardan que Traballo evite o despedimento dos 133 traballadores afectados e que siga fabricando compoñentes téxtiles para Citroën.
A meirande parte do plantel de 300 traballadores son mulleres
Logo de catro meses sen avances, os 133 traballadores afectados pola ameaza de peche da factoría téxtil de Trevés, en Pontevedra, teñen motivos para a esperanza. Primeiro foi a recomendación da Inspección de Traballo de rexeitar o ERE que está en marcha e agora as boas noticias veñen da man da Xunta. O Comité de Empresa e a dirección da compañía foron convocados por primeira vez dende que se iniciase o conflito laboral polo director xeral de Relacións Laborais a unha xuntanza que se celebrará este venres.
O obxectivo da xuntanza é "retomar as negociacións para tratar chegar a algún acordo", segundo subliña o secretario nacional da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte, Téxtil e Telecomunicacións (FGAMT-CIG), Xosé Fernández Piñeiro, quen lembra "que este encontro obedece a unha petición que vén xa de moitos meses atrás". Con todo, os traballadores valoran moi positivamente "que por fin a Administración se implique", unha exixencia que manifestaron por activa e por pasiva e sobre a que mesmo se chegou a aprobar unha moción no Parlamento. Pola súa parte, defenderán a potenciación de proxectos para o polígono do Campiño (Pontevedra), "o que permitiría a recolocación dunha parte importante do persoal de Trèves e, á súa vez, a concentración industrial posibilitaría o traslado do centro de Pontevedra e, en definitiva, o mantemento da actividade industrial".
Unha empresa que depende de Citroën
Os problemas para os traballadores de Tréves comezaron no pasado mes de xuño, cando a crise económica e a importante afección que esta tivo sobre a industria automobilística, nomeadamente a fábrica de Citroën de Vigo, lles deu de cheo. Formulouse entón un ERE sobre 133 dos 300 operarios que traballan na compañía, fundamentalmente mulleres, que se adican á fabricación de compoñentes téxtiles para o automóbil.
Comezaron daquela un amplo calendario de mobilizacións e presentaron unha alternativa ante a empresa, que pasa pola creación dunha nova sección na fábrica d'O Campiño, para recolocar aos afectados. No camiño, o director da fábrica de Citroën de Vigo, Pierre Ianni, comprometeu o seu apoio os traballadores, un respaldo que dende os sindicatos consideran fundamental para a resolución do conflito. Así as cousas, nos últimos días de setembro, a Inspección de Traballo recomendou rexeitar o ERE e desaconsellou o peche da fábrica téxtil, ante o que os sindicatos decidiron parar as mobilizacións.
Agora, a resolución final está en mans da Consellaría de Traballo e os sindicatos confían en que o resultado sexa positivo á vista do posicionamento da Inspección e o pronunciamento unánime do Parlamento. Desta primeira xuntanza coa Xunta de Galiza agardan os primeiros resultados positivos a este conflito que se prolonga xa catro meses.