Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EMPRESAS

Caramelo retira o concurso de acredores

Solicitou ao Xulgado do Mercantil da Coruña o seu arquivo, logo de refinanciar a débeda coas entidades bancarias.

Redacción - 13:14 25/09/2009
A firma arrastra unha débeda de 55 millóns de euros

A firma arrastra unha débeda de 55 millóns de euros

Unha vez executado o Expediente de Regulación de Emprego (ERE), mediante o cal Caramelo extinguiu 237 contratos, a empresa poderá ser rendíbel. Así se entende da decisión tomada pola directiva, quen solicitou ao Xulgado do Mercantil da Coruña que arquive o preconcurso de acredores presentado o pasado 13 de xuño. Este movemento obedecería aos acordos acadados cos acredores, ao refinanciamento da débeda coas entidades bancarias e a unha posíbel redución de custos.

Segundo adiantou Caramelo nun comunicado, este procedemento "responde ao interese da empresa en sacar adiante a firma", se ben subliña que a entidade "se atopa aínda nunha situación financeira delicada". Actualmente, a débeda ascende a 55 millóns de euros, ao que hai que engadir "o gran dano sobre a imaxe da compañía polo conflito xerado a raíz do ERE", se ben asegura que tratará de "dar os pasos necesarios para aumentar a competitividade". Segundo explica no documento, "Caramelo desexa iniciar unha nova etapa e poñer en marcha as medidas previstas e necesarias para reorganizar a compañía e sacala adiante".

Reacción dos traballadores

A noticia sorprendía os representantes dos traballadores, que lamentan non recibir ningún tipo de comunicación oficial sobre a decisión. "O Comité de Empresa non foi informado", explica Dores Martínez, voceira da CIG-Téxtil, quen denuncia que, dende que se produciran os despedimentos non foi convocada "nin unha soa xuntanza cos representantes sindicais".

Con todo, entende que "pode ser unha boa noticia, se se confirma unha viabilidade para a empresa", se ben tampouco descarta que "poida ser outra manobra do señor Jove para desfacerse do morto e poder vender a compañía, xa libre do procedemento concursal". De todos os xeitos, Martínez subliña que o prioritario para os traballadores é "unha garantía por parte de Caramelo sobre o mantemento dos nosos postos de traballo, un extremo que a día de hoxe aínda non temos confirmado".


Ligazóns

4/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: