O grupo téxtil cualifica de positiva a decisión mentres que a CIG xa anunciou que interporá un recurso administrativo.
A CIG acusa a Xunta de "venderse aos intereses do capital privado"
A Consellaría de Traballo resolveu de xeito favorábel o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado polo grupo téxtil Caramelo na súa fábrica do polígono industrial da Grela, na Coruña. Considera que houbo acordo entre empresa e empregados e dá por bo o referendo celebrado o pasado 3 de agosto no que os traballadores, á marxe do Comité de Empresa, decidiron por maioría apoiar a última proposta económica da empresa.
Ademais, a Xunta sinala que tivo en conta outros factores, como o plan de viabilidade presentado polo grupo téxtil, no que se recolle como necesaria a extinción de 237 postos de traballo para poder garantir o futuro da compañía, e a posibilidade de que, con esta actuación, "a empresa poida seguir funcionando". Na súa resolución explica que o obxectivo é "evitar a perda de máis de 600 postos de traballo", en alusión ao resto de persoal da fábrica e das tendas.
Reaccións encontradas
Caramelo xa cualificou esta decisión como "positiva" e "un paso para sacar adiante a empresa", se ben adiantaron que "non debe ser o único", en referencia ás medidas incluídas no seu plan de viabilidade. Na mesma liña se manifestou o secretario da Federación de Industrias, Téxtil e Químicas de CCOO, Manuel Lores, quen se amosou "satisfeito coa resolución" ao considerar que "é a única saída para a empresa nas condicións nas que está".
Pola contra, e como era de agardar, a CIG, sindicato maioritario no Comité de Empresa, xa anunciou que interporá un recurso administrativo contra a decisión. A responsábel da CIG-Téxtil, Dores Martínez, cualificou de "tremendísima e lamentábel" a aceptación do ERE e acusou á Consellaría de Traballo de "venderse aos intereses do capital privado" baseándose nos resultados dun referendo "que non cumpriu coa legalidade". Así, recordou que o Comité é o único órgano de representación dos traballadores e afirmou que a decisión "evidencia un pacto político", xa que a considerou "unha ilegalidade histórica e sen precedentes".