Advirte que non descansará "nin un minuto" até acabar co goberno golpista presidido por Roberto Micheletti.
Zelaya, na embaixada brasileira
O presidente deposto de Honduras, Manuel Zelaya, advertiu este luns os seus inimigos, desde a Embaixada de Brasil en Tegucigalpa, que ninguén o sacará do país e que non descansará "nin un minuto" até acabar co Goberno golpista representado por Roberto Micheletti.
"Desde agora ninguén nos volve sacar de aquí, por iso a nosa posición é patria, restitución ou morte", salientou Zelaya ante miles de seguidores que permanecían apostados fronte á Embaixada onde se refuxiou o deposto mandatario á súa chegada a territorio hondureño.
Micheletti, pola súa banda, instou este luns o goberno brasileiro a entregar o Zelaya para que renda contas coa xustiza. "Como hóspede provisional da Embaixada de Brasil, o ex presidente Zelaya regresou de xeito irregular a Honduras", afirmou o mandatario golpista.
Toque de queda
"Malia isto, o noso país está en calma, prevalece a lei e a orde, e non hai informes de disturbios nin violencia, e así vai permanecer a nosa querida Honduras", engadiu, despois de que o seu goberno decretase o toque de queda, que se estenderá todo o día do martes. Previamente, estabelecerase desde as 16.00 horas (00:00 en Galiza) até as 7.00 (15.00 horas do martes no noso país).
Namentres, os seguidores de Zelaya saíron á rúa para celebrar a chegada do deposto mandatario que, expulsado do país nun golpe militar o pasado 28 de xuño. Desde entón intentou volver pisar territorio hondureño en tres ocasións.
Apoio da OEA e da ALBA
A Organización de Estados Americanos (OEA) e a Alternativa Bolivariana (ALBA) aplaudiron o regreso de Zelaya ao país centroamericano e avogaron pola restauración da orde democrática.