A fiscal do xuízo polo asasinato de Carlos Palomino solicitou este luns 30 anos de prisión para o asasino do menor antifascista. Aplicaron a máxima pena para o delito de asasinato co agravante de motivos ideolóxicos e homicidio en grao de tentativa.
Concretamente, a Fiscalía pide 20 anos polo asasinato de Palomino e outros 10 por intento de homicidio pola agresión a unha das testemuñas protexidas. Asimesmo, a acusación particular mantivo a súa petición de pena de 37 anos de cárcere por asasinato, tenencia ilícita de armas, ameazas e tentativa de homicidio. A acusación popular, que representa ao Movemento contra a Intolerancia, reclamou a mesma condena que a fiscal.
A representante do Ministerio Fiscal desbotou os argumentos da defensa do acusado, quen alegou que o seu cliente actuara en lexítima defensa por “medo insuperabel e estado de necesidade para evitar un mal maior” (o seu propio asasinato). Na súa exposición, a fiscalía recalcou que en todo momento o acusado, Josué Estébanez, “controlou a situación” xa que "preparou e ocultou tras a súa espalda a arma homicida" antes de que o grupo de Palomino entrase no vagón de metro onde se cometeron os feitos.
Pola súa parte, a defensa solicitou seis meses de prisión homicidio e tres por lesións graves considerando no primeiro delito as eximentes de lexítima defensa, estado de necesidade e medo insuperábel. Ao remate da sesión, o avogado do acusado, Enrique Martín, reseñou que quedara acreditado que o seu cliente estivo a piques de morrer e que se salvou grazas a atoparse cos policías que evitaron que os amigos de Palomino o golpearan. Este martes, coa declaración do acusado concluirán os informes das acusacións.