Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Recortes nas subvencións

A Coruña denuncia a paralización cultural da Xunta

A concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, reclama ao Goberno que concrete se construirá a sede do Centro Coreográfico Galego.

Redacción - 17:45 21/09/2009

Varios proxectos proxectos na cidade da Coruña están a verse afectados pola política cultural da Xunta, nalgúns casos en formas de recortes económicos, noutros como decisións que se demoran e que levan á concelleira de Cultura da cidade, María Xosé Bravo, a falar de “situación de parálise” que afecta á cultura na cidade herculina. Pediulle á Consellaría de Cultura e Turismo que concrete o futuro da sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña. O Concello informou da cesión dunha parcela para esta sede, que conta cunha achega de 1,7 millóns de euros do Goberno español. Sen embargo, a concelleira di non ter contestación oficial sobre se a Xunta vai construír ou non o edificio, “e o que é máis grave, a día de hoxe a actividade do Centro Coreográfico Galego atópase nunha situación de total incerteza tras o cesamento da directora, sen que se teñan novas do que se vai facer a partires deste momento”.

A concelleira de Cultura volveu referirse á perda que supón para A Coruña e para a cultura do país que non se celebre este ano o Culturgal. “Vaise desfacer unha das iniciativas máis importantes para a cultura galega”, sinalou. No caso do Culturgal xa hai unha resposta, aínda que sexa negativa. Pola contra, María Xosé Bravo denuncia que varias aactuacións do seu departamento están pendentes de que desde a Xunta se confirmen as subvencións e os investimentos comprometidos.

É o caso de actividades para as que existía o “compromiso verbal” do Xacobeo de achegar 140 mil euros, ou a II Mostra de Ciencia e Cinema, que este ano se tivo que realizar só con fondos municipais. Pendente de sinatura está un convenio de 250 mil euros coa Concellaría de Economía e Industria para a divulgación científica a través dunha exposición nos Museos Científicos. A concelleira sinala que a única resposta positiva do equipo de Feijoo en materia cultural obtívoa en relación cunha achega de 38 mil euros para arranxar o patio do Museo Arqueolóxico.

Críticas do BNG
As críticas da edil nacionalista na Coruña únense ás que verqueu a semana pasada Ana Pontón. A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG reclamoulle á Xunta que cumpra os compromisos adquiridos en materia cultural e redacte un plan de apoio ás industrias culturais. Lamentou que o CGAC, o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico estean sen dirección e esixiu que se cumpra "integramente", o Plan Galego das Artes Escénicas.


5/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Espazo da Concellaría de Cultura da Coruña na pasada edición do Culturgal
Espazo da Concellaría de Cultura da Coruña na pasada edición do Culturgal