Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CULTURGAL

A Xunta aparca a única feira da industria cultural

A Consellaría de Cultura prescinde da edición de 2009, aducindo razóns económicas, aínda que se compromete cos editores a retomala o ano que vén.

Moisés Álvarez - 18:15 09/09/2009

O ano pasado, as industrias culturais galegas conseguiron dar unha imaxe de fortaleza e modernidade na segunda edición do Culturgal, pola que pasaron 35 mil persoas. A pesar do seu éxito, a feira destinada a dar a coñecer os produtos culturais galegos non se celebrará este ano. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultural, Francisco López, comunicoulle o venres pasado á Asociación Galega de Editores (AGE) que a Consellaría de Cultura non conta con orzamento suficiente para organizala nos meses que restan de ano, aínda que se comprometeu a apoiar a súa celebración no ano 2010.

Entrados xa en setembro e cun evento destas dimensións sen empezar a organizar, a cancelación “era previsible”, segundo recoñece Fran Alonso, vicepresidente da AGE. Os editores expuxéronlle á Consellaría en maio a necesidade de que o Culturgal continuase celebrándose, e daquela atoparon boa disposición do director xeral. Sen embargo, os editores sinalan que na reunión que mantiveron a semana pasada con Francisco López, este anuncioulles que a dirección xeral non dispoñía de orzamento para a súa organización. A consellaría non confirmou esta cancelación.

“A marca Culturgal é propiedade da Asociación Galega de Editores, e poderíamos asumir a súa organización, pero non é posíbel facelo sen un forte apoio institucional”, sinala Fran Alonso. A AGE puxo en marcha a primeira feira en 2007 en Pontevedra co apoio da Xunta, que na segunda edición asumiu a organización, trasladou a sede á Coruña e implicou a entidades de máis sectores culturais para convertela no escaparate das empresas e os produtos culturais galegos.

Un paso atrás
Logo de dúas edicións, e cun incremento das empresas participantes e da resposta do público, a edición de 2009 estaba chamada a consolidar a feira. “Romper a continuidade do Culturgal é negativo, porque esa é unha das claves deste tipo de eventos”, afirma Alonso, que cre que o ano que vén “será necesario redobrar esforzos para potenciar a marca”. Nel Vidal, director da pasada edición de Culturgal, considera que “a feira contribuíu a dar a imaxe dunha industria cultural galega consolidada e innovadora”. Para Vidal “foi un puntiño máis na política que desenvolveu o Goberno anterior en colaboración cos sectores culturais. Este parón de agora é un pequeno paso atrás dentro do conxunto de medidas negativas do novo Goberno”.

O principal valor do Culturgal é para Sergio Lago, presidente de Agaphono, que axuda a superar unha das principais eivas do tecido cultural galego: a falta de visibilidade e de promoción dos produtos. “Hai que ter paciencia para consolidar un evento que consegue crear sinerxias entre o libro, a música ou a banda deseñada”, explica. “Que se produza un parón sempre é negativo”.

Papel secundario da cultura
“Desde a presidencia da Xunta non se valora a cultura”, critica Fran Alonso, que cre que para o Goberno de Feijóo a cultura galega ten un papel secundario. “É contraditorio que se faga por parte da Xunta un discurso de universalización e modernización da cultura e ao mesmo tempo se supriman as axudas á tradución”.

Nel Vidal cre que na decisión de non celebrar en 2009 o Culturgal “a cuestión orzamentaria non é un argumento senón unha escusa. Os recursos económicos úsanse dunha maneira ou outra segundo a liña política que se queira seguir”. Vidal contrapón os recortes da Xunta que afectan ás industrias culturais coas fortes cantidades que se destinan ás políticas relacionadas co Xacobeo. “Culturgal non era un gasto insignificante, pero si pequeno en relación con outros”, sinala. O ano pasado, a celebración da feira e a campaña de promoción dos produtos culturais galegos de cara ao Nadal supuxeron un investimento de arredor de 600 mil euros.

Unha fundación que garanta a continuidade
Os editores agardan que a consellaría dea pasos canto antes para materializar o seu compromiso de apoiar no 2010 a terceira edición da feira. Fran Alonso cre que é asegurar a permanencia do Culturgal “é fundamental para que o produto cultural galego sexa visíbel, ademais de ser un símbolo da modernidade da nosa industria cultural”.

Para organizar a edición do ano que vén, a Asociación Galega de Editores aposta por crear unha organismo que dirixa o Culturgal no que participen as institucións públicas e as entidades privadas do sector cultural. “Esta fundación é necesaria para garantir a continuidade da feira e facela viábel por riba das eventualidades políticas”, sentencia o vicepresidente da AGE.


Ligazóns

4,67/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe da edición de 2008 do Culturgal
Imaxe da edición de 2008 do Culturgal
Fran Alonso na inauguración do Culturgal 2008
Fran Alonso na inauguración do Culturgal 2008