Kaohsiung pretende exhibir 'As 10 condicións do amor', sobre Rebiya Kadeer, no marco dun festival cinematrográfico.
Rebiya Kadeer
China envioulle unha advertencia ás autoridades da segunda cidade máis grande de Taiwán para que non proxecte un documental sobre unha exiliada uigur. O activista foi acusado polo goberno chinés de incitar a violencia étnica.
No aviso, Pequín pide que non se "creen problemas nas relacións" entre os dous países. China anunciou que se "opón decididamente" ao pase do filme As 10 condicións do amor, sobre Rebiya Kadeer, a líder do congreso mundial uigur, no festival cinematográfico de Kaohsiung.
O goberno municipal da cidade taiwanesa xa anoxara a China o mes pasado por invitar o Dalai Lama á illa, e declarou que "para correr un veo sobre esta controversia canto antes, o filme proxectarase antes do previsto".
A axencia oficial chinesa Xinhua cita que se lles pediu aos gobernantes de Kaohsiung que non "insistan obstinadamente" en exhibir o filme, que "distorsiona os feitos e glorifica un separatista", aínda que non especifica que medidas tomará a China se non se atende o seu aviso.
Aínda que a China Continental e a China Insular melloraron as súas relacións dende o ano pasado, Kaohsiung, un bastión do partido Democrático Progresista, está a facerlle perder os nervios a Pequín.