Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SECTOR LEITEIRO

Mentres agardan as cooperativas, Medio Rural subvenciona unha empresa de fóra

A Xunta concede unha axuda de seis millóns de euros a unha queixería valisoletana e a oposición reclama igual apoio ás cooperativas galegas para mercar a factoría de Pascual.

Redacción - 11:30 20/09/2009
As cooperativas galegas presentaron un proxecto para mercar a planta de Outeiro de Rei

As cooperativas galegas presentaron un proxecto para mercar a planta de Outeiro de Rei

Oito millóns de euros é o financiamento que solicitan as cooperativas galegas a xeito de subvención para facerse cargo da planta que Pascual puxo á venda en Outeiro de Rei. Este colectivo, liderado por Feiraco e que conta entre os posíbeis socios con Colaga, Melisanto, Irmandiños ou Icos, converteríase na maior industria leiteira galega, cun volume de transformación de 500 millóns de litros anuais de leite.

Con todo, a Consellaría de Medio Rural aínda non moveu ficha no apoio deste proxecto empresarial, unha cuestión que foi duramente criticada polo PSdeG, fundamentalmente logo de que outra empresa foránea, a valisoletana Entrepinares, recibise unha subvención de seis millóns de euros. A portavoz de Agricultura dos socialistas, Sonia Verdes, acusa á Xunta de "dar as costas" ás cooperativas galegas para comprar a planta de Pascual, cando o seu proxecto permitiría "dotar de estabilidade ao sector e garantiría a recollida aos produtores".

Apoio á industria foránea
Os socialistas acusan ao conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, de "falta de vontade política" ante a crise que atravesan as explotacións lácteas galegas: "a súa actitude é vergonzosa e irresponsábel; constitúe un insulto e unha ofensa para os produtores galegos". A axuda que recibirá Entrepinares foi, para Verdes, a gota que colmou o vaso dunha política que obedece a "intereses escuros".

En concreto, esta empresa ten previsto construír unha fábrica en Vilalba co obxectivo de producir 4,5 quilos de queixo ao ano. Segundo explicou o seu presidente, Antonio Martín, suporá unha inversión inicial de 15 millóns de euros e dará traballo a 40 persoas de forma directa. A portavoz socialista considerou que a subvención, "equivalente a mil millóns de pesetas", subliñou, "é máis que esaxerada para esta creación de emprego".

Mentres, a planta de Outeiro de Rei agarda
Doutra banda, o proxecto das cooperativas para facerse cargo da fábrica de Outeiro de Rei segue agardando polo necesario aval de oito millóns de euros, que solicitaron ao IGAPE. "Debería contar coa implicación da Administración, xa que sentaría as bases do gran grupo lácteo galego", insisten os socialistas, quen consideran a iniciativa "seria e viábel".

En relación coas supostas "razóns escuras" ás que aludía Verdes, a portavoz puxo tamén en tea de xuízo "o interese de Juárez por impulsar para a planta de Outeiro de Rei o proxecto da cooperativa La Arzuana", que vencellou ao PP. Esta cooperativa, inicialmente, sumárase á iniciativa de Feiraco, Melisanto e Colaga para mercar a planta de Pascual, mais finalmente desmarcouse para realizar unha oferta propia. Segundo voces como a do secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, esta empresa estaría "moi relacionada cun alcalde do PP en Touro (A Coruña)". Así, Verdes asegura que "o señor conselleiro está apoiando un proxecto para defender os intereses dos membros do PP, non para defender os intereses dos gandeiros deste país".


Ligazóns

3,94/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: