Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Outeiro de Rei (Terra Chá)

Pascual rectifica e proponlle ao Comité de Empresa da súa planta galega volver a negociar o ERE

O grupo lácteo comunicara a semana pasada que daba por concluído o proceso de consultas para remitir o expediente ao Ministerio de Traballo, ao non chegar a un acordo.

Redacción - 08:00 23/06/2009

O Grupo Leite Pascual rectificou a súa decisión de suspender as negociacións do expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a 155 traballadores da planta de Outeiro de Rei (Terra Chá) e a 70 de Aranda del Duero (Burgos), e propuxo aos seus respectivos Comités de Empresa renovar o diálogo. O grupo lácteo comunicáralles a semana pasada que daba por concluído o proceso de consultas para remitir o expediente ao Ministerio de Traballo, ao non chegar a un acordo cos traballadores.

Os contactos entre representantes legais da firma castelá e dos Comités de Empresa permitirán que as dúas partes continúen coas negociacións, aínda que, no caso da planta lucense, esta opción será sometida esta terza feira a unha votación e, xa que logo, dependerá do que decidan os traballadores. Así o sinalou o presidente do comité de empresa de Pascual en Outeiro de Rei, Pedro Neira, quen indicou, ademais, que esta segunda feira desenvolveron outra reunión co persoal da factoría para expor os temas abordados no último encontro entre representantes da directiva do grupo lácteo e dos traballadores da Terra Chá e de Burgos.

Pola súa banda, o avogado do comité de empresa da planta de Pascual en Outeiro de Rei, Alberte Xullo Rodríguez Feixoo, explicou que a posibilidade de proseguir as negociacións do ERE é factíbel, dado que a acta da última reunión non se pechou e, xa que logo, non se remitiu aínda á autoridade laboral competente.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: