Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CANGAS

O Parlamento non debaterá sobre a paralización das obras de Massó

O Partido Popular rexeita unha iniciativa do BNG e advirte que "o Concello de Cangas pode parar os traballos cando queira".

Redacción - 17:45 17/09/2009

A decisión de parar as obras do porto deportivo de Salgueirón, nas inmediacións da antiga fábrica de Massó en Cangas, está en diferentes mans, en función de quen analice o tema. Segundo o Partido Popular esta medida pode ser asumida polo goberno municipal, liderado por Clara Millán (BNG), mentres que para os nacionalistas, a responsabilidade é da Autoridade Portuaria de Vigo, presidida por Corina Porro (PP).

Até o de aquí, nada novo, mais este xoves botouse terra sobre unha nova vía de debate que se podería abrir no Parlamento. O Partido Popular rexeitou unha iniciativa presentada polo BNG na que solicitaba o cese dos traballos. No debate da proposición non de lei, o deputado popular, Xosé Manuel Balseiro, asegurou que sería irresponsábel que este órgano "suplantase" as decisións que se poidan tomar no proceso de diálogo aberto nos pasados días entre a Consellaría do Mar e a Confraría de Cangas para buscar unha solución. Ademais, reiterou que "o concello pode paralizar esas obras cando queira" e aconsellou aos nacionalistas que "se informen das competencias que teñen".

Concesión á empresa
Pola súa parte, o responsábel en materia de pesca do BNG, Bieito Lobeira, defendeu que é a Autoridade Portuaria de Vigo quen ten esa responsabilidade. Dirixiu as súas críticas cara Corina Porro e asegurou que é nela en quen recae a competencia de suspender as obras.

A voceira do PSdeG, Carme Gallego, compartiu esta visión e sostivo que Porro pode retirar a concesión dada á empresa pola Autoridade Portuaria para este proxecto que terá consecuencias irreparábeis sobre o entorno. A proposta socialista é que se argumente que era un proxecto conxunto cunhas construcións en terra que xa están desbotadas e indicou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) tampouco chegou a aprobarse, polo que o solo non foi recalificado para estes usos.


4,17/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: