Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN CANGAS

Bandeira negra para o porto de Massó

Verdegaia e Ecoloxistas en Acción exixen a paralización desta agresión á costa galega

Redacción - 18:30 08/08/2009

Cunha bandeira negra chantada na punta de Salgueirón. Así quixeron os activistas de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción facer un chamado sobre a situación da costa galega e, en concreto, sobre a agresión que está a sufrir o concello de Cangas. Logo de que a pasada semana, os ecoloxistas desen a coñecer o seu anual “Informe sobre Bandeiras Negras”, este sábado escolleron a vila canguesa para protestar, en concreto, pola situación “absolutamente demoledora” na que se atopa o litoral galego.

Verdegaia e Ecoloxistas en Acción organizaron primeiro unha limpeza da zona que Residencial Marina Atlántica quere dotar de 400 puntos de amarre para embarcacións deportivas. Seguidamente, de xeito simbólico, os mariñeiros de baixura ocuparon cos seus barcos a lámina de auga do peirao en obras. E, finalmente, nunha rolda de prensa, os activistas exixiron a paralización de novas agresións ao litoral galego.

“Eliximos Massó para poñer esta bandeira porque cremos que representa a represión das forzas de orde pública para defender intereses privados contra os intereses de toda a cidadanía”, dixo María Ogando, de Verdegaia. “O entorno de Massó, que dá emprego a máis de 500 persoas e ten unha parte protexida como Lugar de Interese Comunitario, verase estragado polo proxecto en marcha do porto deportivo-urbanización de luxo-centro comercial”, recordou. Finalmente, explicou que Galiza conta este ano con 29 bandeiras negras máis (o ano pasado eran 26), o que “reflicte a falta de vontade política por xestionar de xeito sostido e conservar a fráxil situación ecolóxica do noso litoral” e subliñou que “o que ocorre en Cangas, sucede en todo o litoral”.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os activistas de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción chantaron unha bandeira negra en Salgueirón
Os activistas de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción chantaron unha bandeira negra en Salgueirón
Imaxe dunha das manifestacións do Foro Social de Cangas contra o porto deportivo
Imaxe dunha das manifestacións do Foro Social de Cangas contra o porto deportivo