Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"NON Á VIOLENCIA ESTATAL"

Solidariedade ante a persecución do pobo mapuche

Cosal organiza un acto de solidariedade con este pobo, á procura de ser recoñecido coma minoría étnica en Chile.

Redacción - 09:30 18/09/2009

“Non á violencia estatal contra o pobo mapuche” é o lema do acto de apoio ao pobo mapuche, que se desenvolverá no centro social Gomes Gaioso da Coruña este venres venres ás 20.00 horas. Organizado polos Comités de Solidariedade de América Latina (Cosal) Galiza, será presentado polo seu presidente, Omar Contreras Flores.

A función principal deste acto solidario é apoiar a loita do pobo mapuche en Chile, onde o goberno, denuncian, está a levar a cabo actos de violencia contra os seus membros. Ademais, pretenden dar a coñecer a situación actual da súa cultura, “as reivindicacións da súa terra” e facer un reclamo para que se recoñeza a súa lingua, o mapudungún.

Así mesmo, queren facer mención aos presos políticos mapuches, aos que se lles aplica a lei antiterrorista estabelecida durante o réxime de Pinochet e por conseguinte o “código militar”. Omar Contreras sinala que estes días “caeu un político mapuche” e asegura que “calquera actividade dos dirixentes mapuches é catalogada de acto terrorista”.

No acto proxectarase o documental Territorio de fronteras, gravado a finais do 2007, onde se fai un resumo da historia do pobo mapuche. Por outra parte, Omar quéixase: “Non recibimos resposta das institucións políticas” convidadas para asistir ao acto.


4,17/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: