Os sindicatos prevén unha importante redución do profesorado e din que, malia as necesidades educativas dos centros, moitos profesionais non teñen traballo.
Logo das vacacións estivais, este xoves chega a quenda da volta ás clases aos alumnos de Secundaria, Bacharelato, Ciclos Formativos e Educación en Réxime Especial. Son, en total, 150 mil estudantes, unha cifra menor que a rexistrada nos pasados anos, se ben a caída das matriculacións se moderou neste último curso.
Segundo a Consellaría de Educación o descenso é máis acusado en Secundaria, onde se matricularon 1.200 alumnos menos (cun total de 90.397 estudantes). Mentres, a caída foi máis moderada na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e no Bacharelato. Neste último, matriculáronse un total de 27.492 alumnos (o que supón un incremento de 976 estudantes con respecto ao último curso).
A outra cara da moeda encárnaa os Ciclos Formativos. Esta rama correspondente ás opcións de Formación Profesional acolle este ano nas súas diferentes especialidades a máis de 30 mil alumnos nos centros galegos. Esta cifra distribúese no grao medio, con 15.955 alumnos (o que supón un incremento de 1.100), e nos ciclos de grao superior, con 15.453 estudantes (1.200 máis que no último curso).
Reto para o profesorado
Se viramos a vista cara a docencia, as cifras son outras: este curso contará cun total de 12.279 profesores en Educación Secundaria (máis 405 docentes de relixión) e 2.180 en Formación Profesional. Con todo, os sindicatos xa amosaron a súa sospeita de que este curso se leve a cabo unha redución do profesorado nas aulas de Secundaria. Lamentan que este non é o camiño para loitar contra o fracaso e o abandono escolar, que a cifra actual non responde ás necesidades educativas dos centros e que son moitos os profesionais que aínda están a agardar por unha praza.