Sen publicidade, a televisión pública española cubrirá o tempo destinado aos anuncios con máis informativos.
A supresión da publicidade na televisión pública española obrigou a que os seus executivos pensen en solucións para encher esa enorme cantidade de tempo en que até agora non había programas. Unha das solucións que barallan en RTVE, segundo informou o Diario de Sevilla, é ampliar os Telediarios a 90 minutos de duración.
O xornal andaluz asegura que o xefe de Informativos de TVE, Fran Llorente, proxecta adiantar o Telediario 1 ás 14:30 horas e absorber o Telexornal que se emite dende a delegación en Galiza. Pola súa banda, o informativo da noite tamén se adiantaría, até as 20:30, e duraría até as 22, facendo unha análise detallada do acontecido na xornada. A idea é rendibilizar os custos e ampliar a función de servizo público.
Aínda que a medida, que de momento non é definitiva nin está aprobada, xa espertou críticas entre os telespectadores, o certo é que, se temos en conta a experiencia galega, un telexornal de hora e media non é tan esaxerado. De feito, a TVG leva emitindo, tanto ao mediodía como á noite, 'maratóns' informativos desa ou de meirande duración con grande éxito.
O goberno español aprobou este verán que as canles de televisión públicas estatais deixasen de emitir publicidade. Dende o primeiro de setembro non poden contratar anuncios, aínda que estes non desaparecerán totalmente das pantallas até o primeiro de xaneiro de 2010.