Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INCOMUNICADOS E BAIXO CUSTODIA POLICIAL

O Estado "viola" os dereitos dos detidos en réxime de incomunicación

Un informe de Amnistía Internacional critica a falta de transparencia nestas situacións en que os retidos permanecen illados, sen contacto cun avogado ou familia.

Redacción - 18:00 15/09/2009

Amnistía Internacional fixo público un informe onde lle reclama ao goberno español que poña fin á práctica da detención no réxime de incomunicación. A organización considera que esta medida viola os dereitos das persoas que están privadas da súa liberdade. Así mesmo, criticou que a falta de transparencia se poida empregar para "violacións de dereitos humanos".

AI explica a maneira na que o Estado mantén un dos rexímenes de detención máis estritos de Europa, xa que incumpre as obrigas que contraeu, en termos de dereito internacional, de respectar os dereitos humanos. O actual sistema penal alberga a lei de Enxuizamento Criminal español que permite manter unha persoa recluída no réxime de incomunicación e baixo custodia policial até cinco días como mínimo ou 13 días se o procesado é sospeitoso de delitos de terrorismo.

Nicola Duckworth, directora do Programa para Europa e Asia Central de AI, entende como algo inadmisíbel o feito de que "na España actual unha persoa, por calquera razón, desapareza durante días, como tragada por un burato negro". Ademais denuncia que en calquera momento da instrución o xuíz pode impoñer tres días máis de detención en réxime de incomunicación. Esta situación leva as familias dos detidos a viviren coa anguria de descoñer o que está acontecendo, e moitos detidos aseguran que foron sometidos a toturas e malos tratos, denuncias que "rara vez son investigadas" aseguran dende AI.

Unha realidade ignorada
Diversas organizacións internacionais expresaron reiteradamente a súa preocupación por risco de tortura. Iso foi o que aconteceu no caso de Mohamed Mrabet Farsi, detido por cargos de terrorismo en 2006 na súa casa, perto de Barcelona. Durante a súa detención en réxime de incomunicación non puido chamar o seu avogado. Confesou que fora torturado e maltratado, pero tanto o médico que o tratou como o xuíz de instrución desatenderon as súas queixas.

O goberno español xustificou o uso da detención en réxime de incomunicación aducindo "razóns de seguridade nacional e pública". Nicola Duckworth opina que esta medida "debe relegarse ao pasado". E dende a organización piden ás autoridades españolas que permitan a toda persoa detida falar cun abogado confidencialmente, que o acusado sexa examinado por un médico da súa elección e que poida comunicarse coa súa familia.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: