Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rebelión nas escolas

Ás aulas do Morrazo sen libros para reclamar a súa gratuidade

En Cervantes, unha vintena de alumnos seguirán sen ir ás clases en protesta pola supresión de mestres de infantil.

Redacción - 18:15 14/09/2009

As primeiras medidas tomadas pola Consellaría de Educación están a provocar un inicio do curso escolar sobresaltado nalgúns centros. A supresión da gratuidade dos libros de texto motiva as protestas de pais e nais de alumnos, que en tres colexios do Morrazo se traduciron na decisión das ANPAS de enviar aos escolares ás aulas sen libros. A redución de profesorado tamén provoca rexeitamento: nun colexio de Cervantes 20 nenos non irán a clase ata que a ANPA sexa recibida polo delegado territorial da Xunta.

A mudanza do modelo de gratuidade universal dos libros de texto polo de “gratuidade solidaria”, do que só se beneficia unha parte do alumnado, non está a ser doado. As protestas de pais e nais súmane á negativa dos equipos de dirección de colexios de Vigo e Pontevedra a xestionar estas axudas. Alumnos de colexios da comarca do Morrazo son os primeiros en asistir ás aulas este luns sen libros de texto. Así o decidiron en asemblea as ANPAS dos colexios San Roque, Hío e Beluso. Segundo a Plataforma pola Defensa da Gratuidade dos Libros de Texto, nos dous primeiros centros decidiuse que acudisen sen libros durante todo o curso, e no terceiro farano ata o 30 de setembro.

A plataforma naceu en xullo na Pobra do Caramiñal para reclamar que se manteña o sistema de gratuidade por préstamo que implantará o goberno bipartito. O colectivo está a manter reunións comarcais coas ANPAS, e agardan que a protesta se estenda a outras zonas de Galiza. Na súa web, a plataforma mantén que o sistema de préstamo, no que cada libro é compartido por 4 nenos ao longo de 4 anos, resulta máis solidario, máis sostíbel, chega a todos e implica un menor custe para a administración, ao repartir o gasto en 4 orzamentos anuais.

Sen profesorado de infantil
No concello de Cervantes, nos Ancares, teñen outra preocupación engadida. A semana pasada os pais de 20 alumnos do colexio A Ponte de Doiras decicidiron non levar aos seus fillos ao centro pola supresión do profesorado de Educación Infantil. Agora afirman que prolongarán esta situación ata que sexan recibidos polo xefe territorial. A do luns foi a terceira xornada sen actividade no centro escolar. Os pais e nais sinalan que “ter un profesor de infantil é un dereito” e reclaman “unha ensinanza digna” impartida por especialistas.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: