Xa o dixemos no seu momento: a devolución de 400 euros aos contribuíntes podía ser unha efectiva medida pre-electoral, pero era un mal precedente e unha pésima pedagoxía para os cidadáns. Por que? Simplemente porque a mensaxe implícita era un algo así como: “o Estado non precisa da vosa contribución”.
Durante a época de bonanza económica e antes das últimas eleccións estatais e galegas, cometéronse máis erros neste eido. No canto de reformar o imposto do patrimonio –que grava precisamente a posesión ou acumulación de bens-, simplemente suprimiuse. Outro tanto pasou con impostos xestionados pola Xunta, como o de sucesións –que grava o incremento de bens que son resultado dunha herdanza e non do teu propio traballo-, tributo que, en vez de corrixirse para evitar situacións inxustas, quedou reformado para beneficio tamén de rendas altas.
Durante toda esa época na que, estimulados polos bancos e a propaganda, vivimos por riba das nosas posibilidades, incorporamos gran parte dos dogmas neoliberais, como o de enfraquecer o Estado e demonizar os impostos. Agora, tarde mal e a rastro, antes de que o déficit nas contas públicas se faga insostible e o sistema de pensións crebe, cómpre subir impostos.
Daquela retómase o discurso socialdemócrata –con pouca credibilidade, claro- e fálase de que os que poden e teñen cartos ociosos e sobrantes, deben contribuír para superar este momento de paro e agonía na actividade produtiva.
O malo é se ese discurso de socialdemócratas renovados non é de todo coherente e, no canto de apretar nos impostos directos e as rendas altas, se poña o acento en subir o IVE facendo que, outra volta, a crise a paguen os de sempre.