Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Pleno municipal

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica cualifica de "feito histórico" a retirada de 53 símbolos franquistas na cidade

No entanto, a CRMH lamenta que non se apliquen na súa totalidade as propostas recollidas no informe do grupo de expertos.

Redacción - 17:25 07/09/2009

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) cualificou de "feito histórico" a decisión adoptada este luns, en pleno, pola corporación municipal da Coruña de suprimir 53 símbolos franquistas da cidade. Nun comunicado, considerou este acordo de "triunfo da democracia" e "un acto de xustiza con todas aquelas persoas que sufriron represión por defendela".

A CRMH subliñou que a decisión adoptada no Concello da Coruña responde "a un acto de normalidade democrática e sen ningún tipo de espírito de vinganza". Ademais, aplaudiu "o cambio de rumbo" do Goberno municipal, "que durante moitos anos non só votaba co PP contra todas as iniciativas para facer xustiza e recuperar a memoria histórica, senón que negaba a propia existencia da simboloxía franquista", afirmou en alusión aos 24 anos de maioría absoluta do PSdeG na cidade herculina.

No entanto, a Comisión lamentou que non se apliquen na súa totalidade as propostas recollidas no informe do grupo de expertos pola decisión de manter en planta nobre do Palacio Municipal de María Pita os retratos de dous alcaldes franquistas, José Fuciños Gayoso e Hernán Martín-Barbadillo, dos que subliñou que "participaron activamente na represión criminal de moitos demócratas e republicanos".

Así, cualificou de "impresentábel" o argumento dado en pleno polo concelleiro do PSdeG Carlos González Garcés, que xustificou a decisión de manter os retratos ao considerar que non tiñan un carácter honorífico, senón que formaban parte do "relatorio da historia da cidade".

Manuel Fraga, ministro de Franco
A CRMH demandou tamén a retirada do escudo franquista da vidreira da escaleira principal de María Pita e criticou, ademais, o mantemento dunha rúa dedicada a José Calvo Sotelo, "denunciado nas Cortes polo coruñés Santiago Casares Quiroga, presidente do Consello de Ministros, como instigador do golpe militar do 18 de xullo de 1936".

Por outra banda, considerou unha "incongruencia" a retirada da distinción honorífica de fillo adoptivo da Coruña a oito ministros de Franco e que se manteña este mesmo recoñecemento a Manuel Fraga "que tamén foi ministro de Franco e, como tal, recibiu esa mesma distinción en 1968", engadiu.


4,67/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: