Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Memoria Histórica

O Concello da Coruña aproba retirar 53 símbolos franquistas sen o apoio do PP

Os 'populares' critican a súa "exclusión" nun proceso "sectario". O BNG pídelles que sexan "valentes" e recoñezan que se "identifican" con esta simboloxía.

Redacción - 17:00 07/09/2009
A vidreira permanecerá / CRMH

A vidreira permanecerá / CRMH

A Corporación Municipal da Coruña aprobou este luns, cos votos a favor do grupo de Goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PPdeG, a retirada de 53 símbolos franquistas, entre estes os recoñecementos concedidos ao ditador español Francisco Franco (fillo adoptivo e predilectísimo, alcalde honorario e medalla de ouro da cidade) e a outras persoas vinculadas á ditadura.

Tamén, inclúese a mudanza de nome de 22 rúas, grupos de vivendas e prazas. Porén, manteranse na Casa do Concello os retratos dos alcaldes José Fuciños Gayoso e Hernán Martín-Barbadillo, ao considerarse que non teñen un carácter "honorífico", senón "relatorio da historia da cidade", segundo asegurou o concelleiro socialista e presidente da comisión de honras, Carlos González Garcés. Este argumento foi cualificado de "impresentábel" pola CRMH da Coruña.

O PPdeG xustificou a súa postura por "ser excluídos" do proceso, elevado a pleno previa proposta dunha comisión de expertos designada hai un ano, e por non atender "tódalas sensibilidades". O Concello da Coruña aplica, así, a Lei da Memoria Histórica dous anos despois da súa aprobación no parlamento español.

Ademais, os edís populares votaron en contra da modificación do regulamento de concesión de honras e distincións, e criticaron que se suprima o "dereito de audiencia" dos afectados ou dos seus descendentes.

Reaccións PPdeG, PSdeG, BNG

O concelleiro do PPdeG Juan de Dios Ruano cualificou esta decisión de "atrocidade política", e considerou que o pleno foi unha "bufonada" da que foron "excluídos". "O PP non se opón á aplicación da lei, pero non podemos apoiar a forma sectaria e excluínte escollida polo alcalde", indicou, e aludiu á "memoria histérica" do BNG e a "memoria histórica esquecida" dos socialistas.

O concelleiro do PSdeG Carlos González Garcés convidou o popular a dicir cal das 22 rúas con nomes franquistas que se van suprimir mantería, e preguntouse se alguén, "en aras da democracia, pode defender manter honras a persoas que actuaron de forma antidemocrática".

Pola súa banda, a concelleira do BNG Margarida Vázquez instou os populares a ter a "valentía de dicir que non están de acordo, que queren manter esa simboloxía porque se senten identificados con ela". Por último, cualificou os membros do PP como "herdeiros de todas aquelas actitudes de intolerancia".


4,75/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: