O sindicato nacionalista demándalle á Xunta unha maior atención á educación pública e o abandono da súa actitude "ditatorial".
Marta Dacosta e Louzao, da Executiva, este luns
"Por primeira vez está convocada unha folga antes de que comecen as aulas". O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, compareceu este luns ante os medios para valorar a situación da educación no país de cara ao curso escolar 2009-2010, que auguran "intensamente conflitivo" e que "favorece o ensino privado".
Louzao referíase aos paros convocados para os días 9 e 10 de setembro nas Escolas Oficiais de Idiomas (EOI) en contra da circular 5/2009, en que se ditan instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica destes centros que, denuncian, "suporá unha redución da calidade do ensino dos idiomas e das condicións do profesorado".
O responsábel da CIG-Ensino criticou as medidas adoptadas até o momento pola Consellaría de Educación que, indicou, están dirixidas a favorecer o ensino privado en detrimento do sistema público. Respecto disto lembrou que a Xunta "aproveitou" o período estival para levar a cabo unha serie de medidas "retrógradas", tentando evitar a contestación social.
En agosto, por exemplo, publicouse a orde pola que se conceden os concertos educativos a centros privados, que inclúen a renovación do financiamento a aquelas escolas que segregan o alumnado por razóns de sexo, en contra da lexislación actual.
No curso que comeza, en cinco grandes cidades, agás Lugo e Pontevedra, o ensino privado será maioritario, ao tempo que se reducen as prazas públicas de 0-3 anos coa supresión de 156 unidades e 249 postos, dos que 23 corresponden a centros que se pechan. En secundaria, na adxudicación provisional, son 550 profesores os que quedarán sen destino, o que para a CIG supón un despedimento dun número importante de traballadores/as.
Esta situación, din, "choca coas demandas de persoal laboral nos centros que continúan sen estar cubertos", e pídenlle a Educación un 'Acordo pola estabilidade'. Ao respecto da consellaría que dirixe Xesús Vázquez, dende o sindicato cualifican de "ditatorial" a súa actitude.
Consideran que debeu de negociar coas organizacións sindicais as mudanzas introducidas no sistema educativo tal como a simboloxía das galescolas, a eliminación da gratuidade dos libros de texto, a supresión de unidades para reagrupar alumnos ou a consulta aos pais sobre o uso do galego.
Por todo isto, Louzao avanzou que o curso vai estar marcado pola "xudicialización" e lembrou que a central xa recorreu as subvencións aos centros que segregan alumnado por razón de sexo, o currículo escolar, a "enquisa-trampa" sobre o uso do galego, ou a circular das EOI.
Principais demandas da CIG-Ensino para este curso
As principais demandas da CIG-Ensino para este curso son: máis orzamento; maior esforzo en defensa do ensino público; a retirada da circular das EOI; o compromiso de negociación na Mesa Sectorial; reabrir unha negociación de retribución do profesorado en contra da conxelación salarial; ou exixir á elección democrática dos directores dos centros integrados.
Tamén a redución horaria dos maiores de 55 anos; dereito recoñecido a unha revisión médica gratuíta anual (ao igual ao que o resto dos colectivos de traballadores); acordo sobre xubilación anticipada; negociación do Estatuto Galego do Profesorado; actualización dos regulamentos orgánicos dos centros; un plano de formación do profesorado; maior atención á diversidade; ou un plan de actuación integral para reducir o fracaso escolar.