Un xulgado procesa 120 ex axentes da policía política de Pinochet implicados na desaparición de disidentes da ditadura.
A xustiza chilena acaba de dar un importante paso adiante para exorcizar un dos demos da súa historia recente: a ditadura militar. O xuíz Víctor Montiglio decretou o procesamento de 120 ex axentes da Dirección de Inteligencia Nacional (DINA) por seren presuntos coautores de secuestros e traslado de prisioneiros políticos. Entre os presuntos represores están sesenta funcionarios que nunca foran imputados en ningunha causa.
O xuíz considera que hai probas que involucran aos procesados en crimes de lesa humanidade cometidos nas operacións Colombo e Cóndor e no episodio de Calle Conferencia, onde se exterminou a dirección clandestina do Partido Comunista.
As asociacións que agrupan a familiares de vítimas consideran que a decisión xudicial é un importante paso adiante para rematar coa impunidade da que durante décadas gozaron moitos dos represores.