Alén da autocrítica, o ex presidente critica a campaña do PP "planificada milimetricamente para danar e desgastar a costa do que fose o adversario político".
O deputado do PSdeG e ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, censurou este sábado o "oportunismo" político e asegurou que non se "apunta" a "levantar alfombras" en "ningún caso", aínda que iso teña o "custo de perder unhas eleccións". Nunha entrevista concedida a Radio Nacional Española (RNE), Touriño considerou que quen "chega" á presidencia da Xunta debe presentar unha "alternativa política e non entrar nos dimes e diretes de curto percorrido". "Ese non é o estilo", afirmou e sinalou que "parece que iso vende e pode dar resultado" pero que non está a favor desas prácticas.
Así, dixo que considera a súa etapa á fronte do Goberno un "capítulo pechado" e dirixiu palabras de "agradecemento" ao seu equipo. En canto ás causas da vitoria do PPdeG nas eleccións do pasado 1 de marzo, o ex presidente apuntou á "crise" como "pano de fondo determinante, sen o cal non se entendería nada", e á campaña "moi agresiva e moi mobilizadora" do PP. "A nosa foi todo o contrario", dixo o deputado socialista, quen considerou que "pasado o tempo" a estratexia se revelou como "bastante equivocada". A campaña dos populares, sostivo, estaba "planificada milimetricamente para danar e desgastar a costa do que fose o adversario político". Neste sentido, cualificou de "inexplicábel e difícil de entender" a "demagoxia de poñer en valor se un presidente leva un coche blindado" ou o seu prezo.
Touriño explicou que quen si lle advertiu do que podería pasar foi o ex presidente do goberno español Felipe González, quen acudiu a un mitin en Vilagarcía de Arousa e chamou a atención acerca de que as crises "desgastan" a quen está á fronte do Executivo. Ademais, o ex presidente dirixiuse aos que "depositaron a súa confianza nunha opción progresista". "Perdemos as eleccións pero tampouco debemos crer que o país é maioritariamente de dereita", afirmou e agregou que "as eleccións do cambio se gañaron por un deputado e as de perda de goberno se perderon por un deputado".
Receita de reflexión para PSdeG e BNG
"É certo que o nacionalismo está a pasar un período de quasi caída electoral", analizou e considerou que isto debe "facer reflexionar o BNG", aínda que tamén o recomendou para o partido ao que pertence. Para Touriño esta reflexión débese facer "pensando nun proxecto político galego, socialdemócrata, de convicción e raíz galeguista", pois Galiza "necesita que haxa unha alternativa" ao PPdeG e esta "é a tarefa máis importante que teñen ante si socialismo e nacionalismo galego".
En canto á reforma do Estatuto, subliñou que "Galiza necesita poñelo ao día", pois o texto de 1981 "deu de si o mellor". O deputado socialista lamentou que non se puidese acometer a reforma na pasada lexislatura e engadiu, ao fío diso, "que o PP está noutra posición, sempre foi a remolque na construción da España solidaria, plural e das autonomías".
Touriño admitiu que "se podían ter feito máis cousas" durante o seu paso polo Goberno, pero xustificou que é necesario "ter unha visión de contexto". "Viñamos de extramuros e había unha administración gobernada de sempre polo PP", dixo. O ex presidente desexoulle ao seu sucesor á fronte da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, "o mellor", malia non compartir "valores, conviccións e comportamentos". Galiza, resolveu, está "nas mans do que decidiron os cidadáns".