Francisco Jorquera definiu de "insatisfactorio" o proxecto por non garantir a suficiencia financeira nin avanzar en termos de autonomía fiscal e financeira.
"A participación galega nos recursos de réxime común en 1999 era do 7,8%, do 7,1% no 2007 e agora non chegará ao 7%", laiouse o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, á luz dos xa coñecidos datos sobre o novo modelo de financiamento autonómico deseñado polo goberno español.
Jorquera puxo o exemplo do fondo de garantía dos servizos públicos fundamentais que, segundo calcula o BNG tomando como referencia os orzamentos de 2007, fixa para Galiza unha cantidade inferior en case 382 millóns de euros ás necesidades de gasto neste apartado no noso país. Reparou tamén o deputado nacionalista nos chamados recursos adicionais, que só destinan para Galiza apenas 168 millóns, o 3,45% do total de 4.900 millóns de euros.
Son exemplos concretos do desacordo do Bloque co modelo de financiamento autonómico presentado este mércores pola ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, un documento que Francisco Jorquera cualificou de "sudoku excesivamente complexo, opaco, falto de claridade e cheo de contradicións". A maiores, o voceiro do BNG responsabilizou a actual Xunta do déficit para Galiza xa que, acusa o deputado coruñés, o equipo de Núñez Feijoo "participou cunha actitude acomplexada, á defensiva e mesmo provinciana". "Dificilmente se pode defender con eficacia aquelo no que non se cre", reprochou. Ao tempo, subliñou que o PP é tamén responsábel por bloqueado "a posibilidade de que Galiza se dotase dun novo Estatuto que sería tido en conta neste proceso e posibilitaría un mellor financiamento".